CULTURA

A exposición itinerante "Encontros diverxentes" chega a Compostela

16/10/2008 Un autobús eiruga de 18 metros de lonxitude alberga a exposición Encontros diverxentes, unha creación colectiva de 47 artistas, alumnos e alumnas da Fundación Igual Arte. Logo dun ano de traballo, podemos atopar dende collage e técnica mixta ata vídeos e instalacións, nunha mostra de creación contemporánea onde a arte é o medio a través do que se poden expresar todo tipo de persoas.

A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e o director xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellaría de Cultura, Luis Bará, incidiron na presentación da mostra na singularidade do proxecto, que non atopa precedentes en Galicia. Encontros diverxentes procura achegar ideas alternativas na relación entre arte e sociedade, baixo a firme certeza de que todas as persoas levan un artista no seu interior.

A Fundación Igual Arte é a primeira escola artística galega para persoas con necesidades educativas especiais onde a arte e as diferentes expresións creativas son o vehículo para poder expresar, comunicar e integrarse socialmente. Arestora conta xa con 63 alumnos e alumnas.

O proxecto, que conta coa colaboración da empresa Vitrasa, ficará no Paseo Central da Alameda do 16 ao 18 de outubro, para, en vindeiras datas, visitar Lugo, A Coruña e Ourense e, xa no mes de novembro, pechar o ciclo na cidade de Vigo.

Compartir: