TURISMO E CULTURA

Comeza a V Edición de Curtocircuíto

16/10/2008 O Teatro Principal acollerá o venres 17, ás 20:30 horas, as primeiras proxeccións da V Edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela, Curtocircuíto. O Concurso, organizado pola Concellaría de Promoción Económica e Turismo e a Concellaría de Cultura, abrirá o Programa Oficial coa primeira proxección de curtas internacionais, entres as 20:30 e 22:00 horas, e a primeira de curtas galegas, de 22:30 a 24:00 horas. A entrada é gratuíta.

A Semana Oficial de Curtocircuíto desenvolverase dende o 17 de outubro ata o 24, cando se celebrará a Gala de Clausura na que se entregarán os 9 premios desta edición. Nestes días proxectaranse 259 curtas, procedentes de 40 países, escollidas entre as 2.558 que se presentaron ao concurso procedentes de 93 países. Na Semana Oficial proxectaranse 147 curtas, que se poderán ver gratuitamente no Teatro Principal. Nos once programas paralelos, que tamén son de entrada gratuíta e terán lugar no CGAC e na Facultade de Filosofía, proxectaranse outras 112 curtas.

Nas proxeccións do venres 17, coas que comeza Curtocircuíto, o público asistente poderá ver na sección internacional curtametraxes de Israel, Romanía, Francia, Reino Unido, Etiopía, México e República Checa. Na sección galega poderán ver unha mostra da produción audiovisual máis recente do noso país.

Tamén comeza o programa "As Grandes Curtas", unha innovadora iniciativa de Curtocircuíto que pretende achegar o mundo das curtametraxes a 540 persoas maiores de Galicia, repartidos en grupos de 60 persoas en cada xornada do programa. O programa, que organizan a concellaría de Promoción Económica e Turismo e a Secretaría Xeral de Benestar da Xunta, ofreceralles a posibilidade de pasar un día de lecer en Santiago, que inclúe unha proxección de curtametraxes, un xantar e unha visita guiada pola Cidade Histórica. As 60 primeiras persoas participantes son da provincia de Lugo.

O programa completo de Curtocircuíto pode consultarse en www.curtocircuito.org

Compartir: