ALCALDÍA

O alcalde retoma as negociacións sobre a estación do AVE

16/10/2008 O martes 21 retomaranse as negociacións sobre a futura estación do AVE co Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) e coa Dirección Xeral de Ferrocarrís do Ministerio de Fomento. Así o anunciou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, que se desprazará a Madrid para estas conversas.

"Non van ser unhas negociacións fáciles", anticipou Sánchez Bugallo, recordando que "o escenario é máis complexo e a marxe menor", a propósito das pretensións de ADIF sobre posibilidades de edificación. "Esta é unha área enormemente sensible e en Santiago non podemos autorizar volumes edificables inmensos, tendo en conta ademais o problema de tráfico que se crearía nunha zona xa colapsada", aclarou.

Sobre as limitacións para esta área, cuxa extensión é duns 130.000 metros cadrados, o alcalde indicou que xa están determinadas polo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que establece unha menor edificabilidade. Ademais, tendo en conta a política de ADIF de autofinanciamento das súas operacións, engadiu as propias limitacións da Lei do Solo ao esixir unha porcentaxe do 40% de vivenda protexida.

En calquera caso, Sánchez Bugallo amosouse disposto a "pechar un acordo razoable", pero nunca rompendo "os estándares de edificabilidade aplicados no resto da cidade". Con todo, recalcou o convencemento de que Santiago terá unha estación do AVE acorde coa cidade e co número de viaxeiros que moverá, pois recordou que a da nosa cidade é a estación que máis viaxeiros move de Galicia.

Tamén sobre infraestruturas, o rexedor municipal anunciou que xa está rematado o proxecto do paso inferior de Conxo, que terá un orzamento de 5 millóns de euros. O documento foi remitido aos técnicos do Ministerio de Fomento e, de ser favorable o seu ditame, a obra podería saír a licitación neste mesmo 2008.

Plan Estratéxico
Na súa rolda de prensa semanal, Sánchez Bugallo recordou tamén a aprobación polo Consello Económico e Social do documento definitivo do Plan Estratéxico. Agora será a Comisión de Dirección do mesmo a que determine finalmente as medidas para conseguir os obxectivos do Plan e os mecanismos de seguimento dos mesmos.

Anunciou que se creará un observatorio para o seguimento dos obxectivos e do seu cumprimento, así como dos posibles cambios ou axustes que puidera ser necesario introducir no futuro. Queda tamén por determinar o órgano de dirección do Plan, no que, en calquera caso, ocupará un lugar prioritario a sociedade civil.

Ordenanzas e orzamentos
Sobre a actualidade económica do Concello, o alcalde insistiu en que a suba real das taxas de ingresos públicos será do 3%, pola conxelación da taxa máis importante, a do lixo. A minoración de ingresos que suporá isto, que obrigará ao Concello a asumir a suba do contrato do servizo (250.000 euros) e tamén o de SOGAMA (100.000 euros), quedará practicamente compensada pola nova taxa aplicable ás empresas de telefonía móbil. Sobre esta, Sánchez Bugallo recordou que non vai incidir nos consumidores "porque as tarifas son nacionais".

Ao respecto dos orzamentos, a previsión do alcalde é que o seu borrador estea listo a finais do mes de outubro. Incidiu en que as contas municipais terán a vocación de "manter os servizos abertos nun escenario en que haberá unha minoración dos ingresos". En particular, referiuse aos menores contías que se percibirán polos impostos de Actividades Económicas (IAE), Plusvalías e Construcións, e por licenzas de obras. De todos os xeitos, indicou, os de 2009 uns orzamentos "de excepción", porque "todas as previsións están entre interrogantes tanto para nos como para todo o mundo".

En canto a outros orzamentos, neste caso os do Consorcio, Sánchez Bugallo, subliñou que se segue a negociar no trámite parlamentario para que se restitúa a cantidade inicialmente minorada da achega do Estado ao organismo. Tamén amosou o seu agradecemento á Consellería de Cultura e á Xunta polo mantemento en 2009 das cantidades aportadas ao Consorcio pola Administración autonómica.

Compartir: