TURISMO

Turismo de Santiago aposta polo Turismo de Incentivos

15/10/2008 Turismo de Santiago vai desenvolver unha nova aposta estratéxica polo Turismo de Incentivos, un segmento de mercado con gran potencial de crecemento. O obxectivo do departamento que dirixe Xosé Manuel Iglesias é convertir a Santiago no destino de referencia estatal neste tipo de turismo nas cidades que teñen entre 100.000 e 200.000 habitantes. As actividades desta nova liña estratéxica englobaranse baixo a marca "Santiago Incentívate".

O Turismo de Incentivos, que se pode definir como aquel no que as empresas incentivan aos seus empregados e/ou colaboradores mediante viaxes de ocio, é un dos segmentos de mercado con maior potencial de crecemento nos vindeiros anos. Ademais, ten dúas características que o fan interesante para Santiago: por unha banda supón un importante impacto económico, tanto porque o gasto diario do participante é maior que a media dos visitantes tradicionais como porque precisa de empresas de servizos na localidade; e por outra banda, fomenta a desestacionalización, xa que o 70% dos viaxes de incentivos se realizan fóra da temporada alta.

Santiago ten as condicións idóneas para convertirse nunha referencia no Turismo de Incentivos. A cidade conta cunha serie de valores turísticos que a fan atractiva para as empresas, conta cunha rede de comunicacións que a fan facilmente accesible, dispón dun conxunto de empresas de servizos óptima para desenvolver os traballos requeridos polas empresas, e ten a pranta hoteleira máis competitiva de España na relación calidade – prezo, segundo un estudo recente feito por Hotel.info.

Turismo de Santiago, con esta nova liña estratéxica, continúa desenvolvendo ferramentas que permitan consolidar o posicionamento de Santiago como un destino de referencia internacional, cunha oferta variada para diferentes segmentos de mercado que favorecen a desestacionalización dos fluxos de visitantes.

"Santiago Incentívate" inclúe, entre outras actividades, a creación da propia marca e o seu posicionamento no mercado adaptando a estratexia á demanda, o desenvolvemento de productos específicos, formación específica do sector da cidade neste tipo de turismo, viaxes de familiarización para axentes de incentivos e xornalistas especializados.

Compartir: