PLENO

O Goberno local informou ao Pleno da decisión de manter como local o Parque de Bombeiros

15/10/2008 O Pleno municipal debateu sobre o Parque de Bombeiros nunha sesión extraordinaria solicitada polo Partido Popular. Na mesma, a concelleira de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Santullano, informou aos concelleiros sobre o acordo adoptado por Xunta e Deputación para que o Parque de Bombeiros sexa local.

A concelleira explicou que opción por un parque comarcal fóra de Santiago corresponde a unha decisión da Xunta de acordo á súa aposta no resto de Galicia por parques comarcais non incluídos nas grandes cidades. Explicou as etapas dende a sinatura en 2000 do convenio para a creación do parque comarcal ata a actualidade, para concluír que o Parque de Bombeiros de Santiago queda "con máis e mellores medios materiais, máis persoal e pronto unha nova sede".

Tal como explicara o martes 14 en rolda de prensa, Álvarez-Santullano recordou que Xunta e Deputación asumirán, nas proporcións previstas no convenio, o remate do edificio de Salgueiriños, e os custos do persoal contratado en virtude do mesmo ata o ano 2011, incluído este".

Sobre a situación actual da nova sede do Parque en Salgueiriños, a edil apuntou que, resolto o contrato coa empresa construtora e co arquitecto, estase a tramitar o expediente para imposibilitar a contratación do arquitecto coas administracións públicas. Ademais, a Intervención municipal está procedendo a liquidar os pagos pola parte realizada e os técnicos municipais están a redactar o proxecto da parque que aínda queda por executar.

Pola súa parte, o alcalde indicou que a creación dun parque comarcal de bombeiros á marxe do de Santiago "non me parece o mellor sistema" e, ao final, "o mellor parque seguirá a ser o de Santiago".

Compartir: