FACENDA

As ordenanzas fiscais para 2009 fixan a conxelación da tarifa do lixo e unha nova taxa para as empresas de telefonía móbil

15/10/2008 Cos votos favorables do grupo de Goberno e o negativo do PP, foron aprobadas nos Pleno municipal as ordenanzas de ingresos públicos para o ano 2009. A taxa máis importante, a do lixo, queda conxelada, mentres que o resto actualízanse segundo o IPC (4,9%), co que a suba real queda establecida nun 3%, segundo explicou o concelleiro de Facenda, Andrés Fariña. Cómpre lembrar que tamén se producirá unha conxelación da tarifa do transporte urbano.

Unha das principais novidades das ordenanzas para 2009 é a creación dunha taxa pola utilización privativa ou aproveitamento especial de dominio público das empresas de telefonía móbil. Trátase dunha taxa pola utilización de antenas ou outras instalacións que ocupan solo público. Suporá un cargo do 1,4% sobre a base impoñible das empresas, isto é, sobre a súa facturación na cidade.

A previsión municipal é que esta nova taxa supoña unha recadación anual duns 380.000 euros. A liquidación realizarse trimestralmente. Esta é unha taxa que non terá beneficios fiscais locais.

Melloras na xestión
Fariña indicou que o resto de modificacións nas taxas teñen o único obxectivo de mellorar a xestión, o que nalgúns casos tamén implicará un menor esforzo fiscal para os contribuíntes. Tal é o caso da supresión da taxa pola expedición de documentos administrativos cando estes sexan solicitados a través da web municipal.

Outra modificación dáse no Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), que redefine as zonas de bonificación fiscal, ou sexa, aquelas ás que non chegan todos os servizos básicos. Ademais, para aclarar calquera dúbida, engádese o adxectivo "habitual" ao substantivo "residencia" aos efectos de disfrutar de beneficios fiscais.

Na ordenanza reguladora do Imposto sobre vehículos de tracción mecánica, engádese o termo de "baixa definitiva". Elimínanse así as dúbidas que puideran existir respecto ao prorrateo, ao que procederá unicamente neste caso.

A novidade no Imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana é que a solicitude de bonificación poderá solicitarse en calquera momento anterior á notificación ao suxeito pasivo do inicio de calquera procedemento de inspección ou comprobación tributaria, ou de verificación de datos.

Respecto ao Imposto sobre construcións, instalacións e obras, suprímense as bonificacións por incorporación de sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar e por favorecer a habitabilidade de discapacitados, xa que estas dúas cuestións son xa obrigatorias nas construcións.

Finalmente, introdúcese unha novidade na ordenanza reguladora do prezo público por prestación de servizos e realización de actividades nas instalacións deportivas municipais. Engádese o uso "extradeportivo" ao "deportivo" previsto ata agora.

Compartir: