ORZAMENTOS

O Concello aposta pola estabilidade orzamentaria mantendo a capacidade inversora no período 2009-2011

15/10/2008 Lograr a estabilidade orzamentaria sen minorar a vocación inversora do Concello de Santiago é o obxectivo do Plan Económico-Financeiro 2009-2010, aprobado polo Pleno municipal. Segundo explicou o concelleiro de Facenda e Orzamentos, Andrés Fariña, isto lograrase asumindo un compromiso de "proporcionalidade entre as partidas para conter o endebedamento".

O Plan Económico-Financeiro perfila o marco de gasto nos próximos tres anos. Trátase de "implementar a estabilidade orzamentaria do Concello nun marco de suficiencia financeira, co fin de permitirlle articular unha plena autonomía local na xestión dos seus respectivos intereses e a prestación de servizos aos cidadáns", segundo indica o documento. Isto pode facerse "elaborando e executando orzamentos con proxección plurianual tanto en gastos como en ingresos e acompasados no tempo, por conter ou reducir o gasto e incrementar ou manter os ingresos, e por manter o nivel de endebedamento", engade.

"O obxectivo fundamental deste Plan é non aumentar o endebedamento mantendo a capacidade inversora", apuntou Fariña. Nesta dirección, o Concello asume "o compromiso de amortizar cada ano máis capital do que se pode solicitar ás entidades bancarias". Ademais, indicou que os orzamentos municipais apostarán "por aforrar gasto corrente, co fin de xerar un aforro interno que poda ser levado ás inversións".

O concelleiro aclarou que este Plan Económico-Financeiro é unha obriga legal establecida polo Regulamento de Estabilidade Orzamentaria e pola Lei Orzamentaria, que determina que os Concellos deben incorporar o remanente de tesourería ao seguinte exercicio, isto é, incorporar o que quedou sen executar. A estabilidade lógrase polo financiamento de gastos de inversión cunha serie de ingresos recoñecidos, tales como o aforro orzamentario, o aproveitamento urbanístico a transferencias de capital e o endebedamento. Así, a estabilidade orzamentaria fíxase pola diferenza entre os capítulos 1 ao 7 de ingresos e o 1 ao 7 de gastos.

Fariña quixo recalcar que "un plan económico-financeiro, que é unha acción contable, non ten nada que ver cun plan de saneamento, que é unha acción orzamentaria". "Pódese ter inestabilidade financeira e non obstante ter fondos", apuntou, para resaltar finalmente que o Concello de Santiago é "solvente". O Plan Económico-Financeiro 2009-2010 foi aprobado no Pleno cos votos favorables do grupo de Goberno e a abstención do PP

Compartir: