CONSORCIO

Presentados os primeiros tomos da colección xuvenil do Consorcio sobre as figuras do Mestre Mateo e Diego Xelmírez

14/10/2008 O mestre Mateo e Diego Xelmírez son as figuras arredor das cales vota a andar a nova colección xuvenil do Consorcio baixo o lema de Historias de Santiago, en colaboración con Edicións Nigra Trea. As dúas publicacións foron presentadas polo alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo.

O primeiro dos libros, O mestre Mateo, é obra de Francisco López Iglesias. O segundo, que leva por título Diego Xelmírez, báculo de gloria en Compostela, corresponde á autoría de Estro Montaña. Ambos os dous están ilustrados por Jaime Asensi.

Pouco ou case nada se sabe do Mestre Mateo, un personaxe que, como escultor e arquitecto, foi labrando unha das obras máis importantes da humanidade: o Pórtico da Gloria. A reconstrución biográfica de Francisco López Iglesias permite deste xeito imaxinar a figura dun artesán.

Estro Montaña achéganos pola súa parte a figura de Diego Xelmírez, o prelado máis destacado da diócese de Santiago. Pois como di o seu autor, este clérigo "dotado de perfís novelescos" soubo colocar a Compostela, por encima de defensores e detractores, no mapa de Occidente.

Compartir: