SEGURIDADE CIDADÁ

Santiago quedará cun Parque de Bombeiros municipal mellorado e cunha nova infraestrutura

14/10/2008 A concelleira de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Santullano, anunciou que o Parque de Bombeiros de Santiago terá unicamente ámbito municipal, tras a decisión da Xunta de construír o parque comarcal en Ames ou Brión, probablemente o primeiro. Deste xeito, segundo destacou, o parque compostelán quedará "coa situación que antes tiña, pero con novo material, máis efectivos e unha nova infraestrutura en Salgueiriños".

A elección dun parque comarcal fóra de Santiago é "unha decisión política-dixo Álvarez-Santullano- que responde a unha aposta por ter os parques comarcais noutros concellos distintos das grandes capitais". En calquera caso, resaltou, "Xunta e Deputación asumirán, nas proporcións previstas no convenio, o remate do edificio de Salgueiriños, e os custos do persoal contratado en virtude do mesmo ata o ano 2011, incluído este". Así o acordaron estas dúas institucións tras as negociacións mantidas co Concello.

A concelleira recalcou que, en 2008, o Parque de Bombeiros de Santiago quedará nunha situación mellor á de 2000, cando se asinara o convenio para a creación do parque comarcal. Así, recordou os 1,6 millóns de euros investidos en material, e o incremento de 19 efectivos, ata situalos nos 76 actuais.

Tendo en conta a situación legal actual en canto ás xubilacións, entre 2008 e 2011 produciríanse 9 xubilacións, que compensarían en parte as contratacións a maiores feitas en virtude do convenio do parque comarcal. Deste xeito, a partir de 2012, o Concello debería asumir 9 novos efectivos dos incorporados entón, se ben non descartou que sexan menos se aínda se reduce máis a idade de xubilación.

Tamén hai que contar a este respecto coa oferta pública de emprego do Concello, que entre 2006 e 2007 contempla dúas novas prazas de bombeiros, ademais da praza de sarxento que deixou o actual xefe de Bombeiros, e unha de cabo para cubrir o turno que deixou este.

A responsable de Seguridade Cidadá indicou que os bombeiros, a través dos seus representantes sindicais, foron os primeiros en coñecer esta decisión sobre o parque comarcal. Agora, dixo, quedará por determinar cal será a situación transitoria dos bombeiros ata que estea en marcha o parque comarcal, algo que se decidirá "pola vía do acordo regulador e do futuro Estatuto dos Bombeiros autonómico".

Sobre o Parque de Bombeiros de Salgueiriños, Álvarez-Santullano apuntou que, resolto contrato de construción anterior, estase a valorar conxuntamente entre o Concello e a empresa adxudicataria cal será o custo das obras que restan e así poder licitar as mesmas. Ao respecto do novo parque comarcal, dixo que se situará, pola súa situación estratéxica, en Brión ou Ames, probablemente neste último. A previsión é que poida entrar en funcionamento en 2009.

Compartir: