CONSORCIO

Frances E. Allen, Premio Turing 2006, primeira muller que se suma ao programa ConCiencia

14/10/2008 Frances Elizabeth Allen, premio Turing 2006, será a primeira muller que se incorpore á galería de personalidades que teñen pasado por Compostela ao abeiro do programa ConCiencia, organizado pola Universidade de Santiago e colaboración co Consorcio de Santiago e a Fundación Caixa Galicia.

Xunto a Allen, completarán o ConCiencia 2008 os premios Nobel de Química en 2001, Kart Barry Sharpless, e de Física en 1999, Gerardus ‘t Hooft, que impartirán ao longo do último trimestre do ano cadansúa conferencia divulgativa e manterán diversas reunións con investigadores. Este calendario de actividades foi presentado polo director do programa, o profesor da USC Jorge Mira, quen destacou que ConCiencia se ten convertido "no mellor programa de divulgación científica de Galicia".

Na súa intervención, Mira destacou a presenza no programa de Frances Elizabeth Allen, polo complicado que é atopar mulleres entre os premiados nos 108 anos do Nobel e nos premios análogos doutras disciplinas. Así, ningunha muller recibiu nunca o Nobel de Economía e só catro, ningunha delas viva levou o premio en Física e Química. Só oito mulleres recibiron o de Medicina, ningunha o premio Abel e só unha, Frances E. Allen, o Turing. Este galardón é considerado o Nobel no eido das Ciencias da Computación.

Á importancia da presenza feminina na ciencia tamén se referiron os presentes na rolda de prensa: o presidente do Consorcio e alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; o reitor da USC, Senén Barro; e o director de Acción Social de Caixa Galicia, José Manuel García Iglesias. Todos eles puxeron como exemplo do avanzado a propia Universidade compostelá, na que de cada tres alumnos, dous son mulleres, o que supón a porcentaxe máis alta de mulleres (un 67%) de todas as universidades españolas.

Os tres elixidos
Frances Elizabeth Allen (EE UU, 1932) foi merecedora en 2006 do Premio Turing "polas súas contribucións que melloraron fundamentalmente o rendemento dos programas de computador e aceleraron o uso de sistemas de computación de alto rendemento".

Dende o prestixioso IBM Thomas Watson Research Center, Allen puxo as bases teóricas e prácticas das técnicas de optimización automática en compiladores e a extracción automática de paralelismo. Ademais, definiu dunha serie de técnicas que se seguen utilizando nos compiladores actuais e que contribuíron a aumentar a súa eficiencia.

Kart Barry Sharpless (EE UU, 1941) foi elixido Premio Nobel de Química en 2001 "polo seu traballo en reaccións de oxidación quiralmente catalizadas". Foi pioneiro no desenvolvemento de métodos de "catálise asimétrica", claves pares para o desenvolvemento de procesos de preparación industrial de fármacos, perfumes ou outros produtos, de xeito eficiente e menos contaminante.

Pola súa parte, Gerardus ‘t Hooft (Países Baixos, 1946) é considerado un dos físicos teóricos máis brillantes das últimas décadas. Recibiu o Nobel de Física en 1999 por esclarecer a estrutura cuántica da interacción electrodébil, unha das catro interaccións fundamentais da natureza e responsable de gran cantidade e procesos radiactivos que, por exemplo, manteñen en funcionamento os ciclos do Sol. A última peza clave desta teoría, o chamado bosón de Higgs, podería ser descuberto no gran colisionador de hadróns do CERN. A contribución de `t Hooft consistiu en crear un formalismo que permite comprender con gran rigor e precisión os procesos nos que intervén esta interacción.

Compartir: