XUNTA DE GOBERNO

Visto bo á reposición do pavimento de varias rúas e á limpeza das pistas do rural

14/10/2008 O Goberno local adxudicou definitivamente as obras de reposición de pavimento en diversas rúas da cidade e tamén ratificou a limpeza e desbroce de cunetas das pistas rurais do Concello. O investimento total nestas dúas actuacións será de 417.032 euros.

As obras de reposición do pavimento foron adxudicadas por un importe de 208.359 e un prazo de execución de catro meses. Algunhas das rúas afectadas por estas melloras son: Sánchez Freire, García Prieto, Vilagarcía, praza de Vigo, Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, Montero Ríos, Xeneral Pardiñas (entre Montero Ríos e Carreira do Conde), República Arxentina, A Rosa ou San Pedro de Mezonzo (entre A Rosa e República Arxentina).

Polo que se refire á limpeza e desbroce das cunetas das pistas rurais, investiranse 208.673 euros nunha actuación que se acometerá ao longo de seis meses. O obxectivo é eliminar a proliferación de maleza nas pistas debida ás condicións climáticas.

Tamén en materia de obras, adxudicáronse provisionalmente as obras incluídas no proxecto complementario ao de execución das unidades de Actuación A e B de Penamaría (San Lázaro). O importe é de 79.395 euros e o prazo de realización de dous meses.

Servizos e Mobilidade
Entre os acordos da Xunta de Goberno está tamén a adxudicación provisional do contrato administrativo especial para a conservación e mantemento do cemiterio municipal de Santiago de Compostela. O importe do mesmo é de 117.937 euros.

Ademais, no ámbito da Concellería de Mobilidade, acordouse a adquisición de bolardos tipo "Cidade" NG-671 de ferro fundido gris co anagrama do Concello. Investiranse 29.166 euros na compra destes bolardos, preferentemente destinados á zona monumental.

Benestar Social
En materia de Benestar Social, o Goberno local deu conta dunha subvención de 6.625 euros concedida pola Xunta de Galicia para proxectos de accións de investigación relacionados co esforzo global anti-VIH/sida en Galicia para 2008. Estas axudas empregaranse en diversos programas de prevención dirixidos a adolescentes en situación de risco, ao centro de educación especial O Pedroso ou ao colectivo gai, no programa de rúa ou achegamento ou no programa Kamelamos Guinar, dirixido ao colectivo xitano.

Tamén se deu conta da adhesión do Concello de Santiago ao programa Thao-Salud Infantil, de prevención da obesidade infantil baseada en accións nos municipios, e do convenio asinado entre o Concello e a Consellería de Sanidade para o cofinanciamento do programa de prevención de drogodependencias. Son 124.000 euros (24.000 achegados polo Concello e 100.000 pola Consellería) destinados a varios programas de información-formación, escolares, familiares, xuvenís e laborais, todos eles na área de prevención.

Outro convenio do que se dou conta foi o asinado co Organismo Autónomo de Programas Educativos Europeos para a realización do proxecto "Mírate; os pais e nais ante situacións que xeran violencia", solicitado pola UMAD no marco do programa europeo GRUNDTVIG 2, que supón unha achega de 17.000 euros.

Xuventude e Sanidade
Por outra parte, a proposta do concelleiro de Xuventude, aprobouse un orzamento de 5.088 euros para a exposición sobre o Primeiro Certame Musicaxove 2008, que se poderá ver no CSC do Ensanche dende o 17 ata o 31 de outubro. Conterá 44 fotografías e imaxes sobre as actuacións dos grupos finalistas do concurso. O día da inauguración farase entrega dunhas placas conmemorativas para os grupos gañadores. A continuación, actuará un dos grupos premiados no certame.

Ademais, procedeuse á adxudicación definitiva do servizo veterinario de urxencia e de atención e recollida de animais abandonados no termo municipal. O importe é de 42.586 euros e o prazo de duración, dun ano. Igualmente definitivo é o servizo de desratización, no que se investirán 27.285 euros.

Medio Ambiente
A Xunta de Goberno deu conta da aceptación da doazón dunha escultura de Castelao ao Concello por parte de FORGA realizada polos participantes no Curso de soldador/a de estruturas metálicas lixeiras. Será colocada no Parque de San Lázaro.

No ámbito do Medio Ambiente, tamén se adxudicou definitivamente o servizo de conservación e mantemento do parque de BRANDÍA, por importe de 64.032 euros. Encargarase do mesmo Aspas Emprego.

Educación e Normalización Lingüística
En materia de Educación, procedeuse á aceptación da subvención da Xunta por 37.813 euros para a organización de campañas de normalización lingüística e para a elaboración de publicacións. Tamén se deu o visto bo definitivo ao subministro e instalación de elementos de xogo infantís no CEIP Pío XII, cun custo de 34.783 euros.

Deportes
Finalmente, pero neste caso con carácter provisional, foron adxudicadas as obras de renovación da cuberta do Pavillón Polideportivo Vite I. O Concello investirá 92.800 euros nesta actuación, que ten un prazo de execución de dous meses.

Compartir: