ALCALDÍA

O Consello Económico e Social aproba o documento definitivo do Plan Estratéxico

13/10/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu esta tarde a xuntanza do Consello Económico e Social que aprobou o documento definitivo coas liñas de execución do Plan Estratéxico da cidade. Dáse así o visto bo á aplicación dun Plan que, xunto co PXOM, marcará a evolución de Compostela durante 12 anos, entre 2008 e 2020.

A última etapa da elaboración do Plan Estratéxico a través da súa Comisión de Dirección, centrouse en articular as medidas para conseguir os obxectivos fixados polo documento e en establecer os mecanismos de seguimento para os mesmos. Perfilados estes, está todo listo para que se comece a executar o Plan que, en palabras do alcalde "dinos en que dirección imos, os nosos obxectivos e as medidas para conseguilo".

O obxectivo central do Plan Estratéxico é "facer de Compostela a porta de Galicia dinámica e innovadora. Unha cidade aberta, unha cidade de encontro, cun horizonte de desenvolvemento continuado e sostible capaz de achegar á capital de Galicia unha base económica sólida, diversificada e competitiva e aos seus habitantes un futuro con emprego de calidade, cohesión social e calidade de vida, nun contorno ambiental e urbano de excelencia, vivo e preservado para o seu disfrute como Patrimonio Cultural da Humanidade".

A partir desta proposta central fíxanse seis liñas prioritarias, subdividas á súa vez en distintos obxectivos que se concretan en máis de duascentas actuacións. A primeira das liñas aposta por diversificar a base económica da cidade, creando emprego de calidade, consolidando o tecido empresarial e atraendo novos investimentos. A segunda promove unha mellora da accesibilidade e da mobilidade, con novas infraestruturas e transportes que comuniquen a cidade coa rede europea e co sistema urbano galego-norteño. A terceira, impulsar o atractivo da cidade e afondar na súa proxección internacional. A cuarta incide na consolidación, xunto coa formación, a investigación e a promoción cultural dun contorno innovador para facer de Santiago unha cidade do coñecemento. A quinta fala do aumento da calidade de vida, da cohesión social e do avance na calidade ambiental. Finalmente, a sexta liña avoga por reforzar as institucións interadministrativas, as iniciativas de goberno urbano supramunicipal e a modernización participativa.

Entre outras propostas, o Plan aposta por medidas xa en marcha como a integración da Cidade da Cultura cos accesos que sexan precisos e mediante espazos peonís, entre os que resultará fundamental a construción do parque de Brañas do Sar aos pés do Gaiás. Ademais, fala do Consorcio Metropolitano de Transportes da comarca de Santiago e de reforzar o papel do aeroporto de Lavacolla. Contempla tamén o pulo á actividade industrial e á captación de empresas, así como a consolidación de Santiago como cidade do coñecemento co apoio aos futuros centros de investigación en Medicina e en Ciencias e Tecnoloxías da Vida.

Compartir: