CULTURA E CENTROS SOCIOCULTURAIS

O teatro de títeres en Asia protagoniza unha exposición no CSC das Fontiñas dentro de Galicreques 2008

10/10/2008 Títeres en Asia é o nome dunha fermosa exposición que se pode ver no Centro Sociocultural das Fontiñas ata o martes 14 de outubro.

Esta mostra, enmarcada dentro da programación de Galicreques 2008, pretende achegar ao público compostelán a arte milenaria dos monicreques en Asia. Arte conservada, sen dúbida, grazas á enorme importancia deste tipo de representacións e ao labor das grandes familias de titiriteiros. Ao mesmo tempo, pretende ser unha fiestra aberta dende a que coñecer algo máis desta distante cultura a través das personaxes que representan as súas historias e entreteñen as súas xentes dende tempos inmemoriais.

O teatro de títeres en Asia está moi relacionado coa orixe mesma do teatro nos países orientais xa que, segundo numerosos estudos, este tipo de representacións son anteriores ás realizadas con actores de carne e oso e teñen un enorme peso nas distintas sociedades. En numerosos países de Asia atopamos lendas e relatos antigos que falan sobre os títeres e o seu nacemento. Así, na India dise que o primeiro titiriteiro naceu da boca do Deus Brahma, o creador, o que lle outorga un caracter sagrado.

Esta mostra recolle títeres, marionetas e sombras dos países asiáticos que ilustran diferentes técnicas e xéneros do teatro oriental. Pode visitarse durante todo o día, e ata o vindeiro martes 14 de outubro, na sala de exposicións do Centro Sociocultural das Fontiñas.

Compartir: