ALCALDÍA

Os rapaces de Santiago contarán cun novo espazo para actividades lúdicas e de coñecemento do medio na primavera

10/10/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou esta mañá a antiga escola rural da Portela (Figueiras), que alberga a Aula de Coñecemento do Medio Rural tralas obras de reforma e ampliación que nela se levaron a cabo cun orzamento de 389.420 euros. Deste investimento, AGADER subvenciona o 85%.

O rexedor afirmou que de cara á primavera ou o verán próximo será cando este novo equipamento comece a ser utilizado polos nenos e nenas de Santiago. Segundo Sánchez Bugallo, esta antiga escola "é un sitio estupendo" para que os rapaces "coñezan o rural" e desfruten dunha paisaxe "idílica". Na visita tamén participaron veciños da zona, moitos dos cales estudaron na propia unitaria que hoxe ven renovada. Os propios veciños ofreceron unha masa comunal para facer unha zona de xogos que complete a área rehabilitada.

A Aula conta con 32 liteiras, distribuídas en dous dormitorios, que permitirán estancias de fins de semana ou en datas específicas para grupos. Tamén ten aulas taller multiusos para a realización das distintas propostas didácticas, cociña, comedor, despensa, baños, duchas, fontes, lavadoiro e unha explanada para ubicación de tendas.

Desde a zona da acollida a visitantes distribúense espazos para: área de administración e coordinación, zona de exposicións temporais, espazos polivalentes para talleres ou actividades puntuais, sala de proxeccións con rede de conexións, centro de documentación e biblioteca, dormitorios, comedor, baños, almacén, zona de acampada e aparcamentos.

Situada a 5 quilómetros de Santiago, a parcela conta cunha superficie total de 1.624,93 metros cadrados e o edificio de 302,22 metros cadrados. Para o desenvolvemento das actividades empregaranse tanto a escola como a construción de dependencias anexas que poderán acoller grupos formados por un número aproximado de 60 persoas de todas as idades e colectivos sociais, de preferencia grupos de escolares dos distintos niveis educativos do ensino non universitario.

Esta actuación permitiu rehabilitar unha vivenda desocupada, recuperar o contorno e responder a unha vella reivindicación dos veciños de Figueiras. O proxecto actuará como un recurso para a sensibilización dos composteláns respecto do seu medio rural, os seus problemas e as propostas de desenvolvemento, fomentando un sentido da responsabilidade persoal arredor destes temas. Neste caso, o equipamento que se habilita sitúase no medio rural do municipio de Santiago de Compostela e constitúe un recurso máis para dar resposta ao interese polo uso social do patrimonio cultural e natural.

Diversas actividades
Coa combinación das funcións que terán acollida no centro de coñecemento do medio rural, preténdese dar resposta a temas de interese sobre o medio rural, a conservación do entorno natural e o uso razoable dos recursos.

Realizaranse actividades de coñecemento de Compostela, dos seus diversos aspectos históricos, xeográficos, antropolóxicos, de promoción da lingua, visita á cidade; así como outras propostas baseadas no contacto directo co entorno natural que rodea ao albergue (primeiros asentamentos de poboación, urbanismo, usos agrarios…), buscando o achegamento sensorial e afectivo cara a ese contorno, a través de paseos e itinerarios ecolóxicos, visita ao castro de Figueiras, actividades de campo e de interpretación da paisaxe, charlas, xogos educativos, entre outros.

Tamén se ofrecerá un amplo repertorio de programas e materiais didácticos, onde os temas relativos á historia, a xeografía, a paisaxe, os valores naturais, as formas de vida tradicionais ou os problemas ambientais, serán algún dos seus eixes principais.

A funcionamento da Aula articularase a través das solicitudes de actividades que se realicen. Trátase dun equipamento de carácter participativo, aberto a rapaces de todas as idades e diversos colectivos, como os relacionados co medio ambiente.

Esta actuación enmárcase dentro das iniciativas que contén a lista básica de actividades ou investimentos auxiliables do programa PRODER II Sar-Ulla para a cooperación local e desenvolvemento no mundo rural. A devandita asociación, que integra aos concellos de Ames, Brión, Teo e Santiago de Compostela, contará en Santiago cun equipamento que, entre outros destinatarios, daría acollida a grupos de estudiantes e outros colectivos de xente nova con necesidades formativas en ámbitos relacionados co desenvolvemento rural e a conservación e interpretación dos valores naturais e/ou culturais.

Documentos relacionados



Compartir: