EDUCACIÓN

A escola infantil do Polígono do Tambre, lista para o curso 2009-2010

10/10/2008 A concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, visitou as obras da escola infantil do Polígono do Tambre. Segundo indicou, a previsión é que o edificio estea listo en sete ou oito meses, co obxectivo de que a escola poda abrir as súas portas no curso 2009-2010.

Guadalupe Rodríguez estivo acompañada nesta visita polo arquitecto César Coll, quen lle explicou as principais características desta obra. A concelleira destacou a "singularidade arquitectónica" desta escola, "cun formidable deseño, pero sobre todo funcional, que é o que importa".

Con esta escola infantil e coa de Tras Parlamento, serán cinco os centros destas características que estarán en funcionamento no curso 2009-2010, un número que, en proporción á poboación, supera o índice de calquera cidade galega e mesmo española, segundo indicou a concelleira.

A nova escola do Polígono do Tambre contará con 61 prazas para nenos de cero a tres anos, distribuídos en catro unidades: unha para nenos menores dun ano (8 prazas), unha para nenos de 1 a 2 anos (13 prazas) e dúas para nenos de 2 a 3 anos (40 prazas). Terá sala de usos múltiples, comedor, área de administración, cociña, despensa e patio exterior.

O edificio é obra dos arquitectos César Coll e Viviana Slafer. Unha das súa principais características é que cada unha das aulas conta cun patio exterior. A superficie útil total do edificio será de 444,93 metros cadrados, ademais dun patio exterior de xogos de 169,45 metros cadrados. O orzamento é de 568.065 euros.

Compartir: