ALCALDÍA

O alcalde reitera o seu convencemento respecto ao teleférico e o apoio ao proxecto de todos os axentes sociais da cidade

10/10/2008 "Contento e moi convencido da nosa posición". Así se manifestou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, tras a súa reunión co director do Centro Mundial do Patrimonio, Francesco Bandarin. Neste sentido, reiterou "a necesidade desta proposta", que responde "ao reto da cidade de integrar a Cidade da Cultura no tecido urbano".

Sánchez Bugallo destacou tamén que a posición municipal "está respaldada por todos os axentes sociais da cidade" e que as posturas contrarias son "minoritarias". "A opinión clara da maioría é que desexan o éxito da Cidade da Cultura e da súa integración en Santiago", dixo.

Ademais, recordou que a elección do sistema de teleférico para conectar o Gaiás coa cidade responde a unha análise na que se descartaron outras opcións como a conexión por estrada, o tren lixeiro ou o tranvía por ser máis caras, menos eficaces e de maior impacto. Así, o teleférico xorde como o mellor modo de "superar o obstáculo físico das Brañas do Sar".

Compartir: