ALCALDÍA

O Centro Mundial do Patrimonio da UNESCO enviará unha misión técnica para estudar o teleférico

09/10/2008 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo e o xerente do Consorcio, José Manuel Villanueva, reuníronse na sede da UNESCO en París, co director do Centro Mundial do Patrimonio, Francesco Bandarin e coas responsables dos Centros do Patrimonio para Europa e América do Norte, Kirsten Manz, e para América do Sur, Nuria Sanz.

Durante o encontro, que se prolongou durante algo máis de hora e media, o alcalde e o xerente do Consorcio presentaron unha ampla documentación, complementaria á xa remitida con anterioridade a este organismo. Os informes aportados xustifican a necesidade dunha solución que integre a Cidade da Cultura dentro do tecido urbano de Compostela, comunicando o Gaiás co Casco Histórico, e salvando os desniveis e tamén o periférico, a vía do AVE e o curso do río Sar.

O alcalde defendeu en París a alternativa do teleférico como o medio de transporte máis viable. Para elo presentáronse fotografías aéreas e virtualizacións que miden o impacto visual e o encaixe paisaxístico que tería a instalación do teleférico a partir de telecabinas estándar.

Francesco Bandarin valorou o informe presentado como "un estudo serio, sólido e amplo tendo en conta que se atopa nunha fase inicial". Tamén agradeceu que o Concello de Santiago puxese este tema en coñecemento do Centro Mundial do Patrimonio (CMP) porque, segundo explicou, este é o organismo que debe pronunciarse sobre a súa pertinencia.

O CMP non se pronunciou de momento sobre o teleférico, pero comprometeuse a enviar unha misión técnica de carácter internacional para analizar sobre o terreo a totalidade dos aspectos que hai que valorar antes de emitir o seu pronunciamento. A misión visitaría Santiago previsiblemente entre marzo e abril e a resolución deste organismo da UNESCO podería producirse en torno a xuño.

Xornadas internacionais no primeiro trimestre de 2009
En paralelo, o CMP e o Concello de Santiago acordaron organizar unhas xornadas internacionais que se celebrarán en Compostela no primeiro trimestre de 2009 e que terán como obxectivo analizar a implantación de medios de transporte en cidades Patrimonio para establecer criterios conxuntos que dean solución aos problemas que se van plantexando noutros lugares declarados Patrimonio. Neste sentido, serán analizadas as experiencias levadas a cabo en cidades como Zacatecas ou Quito onde, despois da súa declaración como Patrimonio da Humanidade, se instalaron teleféricos que ademais de resolver o problema do transporte, convertéronse en novos motivos de atracción turística e mesmo en novos emblemas da cidade.

Por último, o Concello e o CMP acordaron manter o contacto para seguir aportando documentación sobre o alcance estratéxico que tería o teleférico en Santiago a partir das liñas de actuación que se contemplan no Plan Estratéxico, no Plan de Excelencia Turística e no Estudo de Mobilidade da cidade.

Compartir: