UMAD

O alcalde inaugura as primeiras xornadas municipais sobre prevención de drogodependencias

09/10/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurará o venres 10 no Palacio de Congresos, ás 18:00 horas, as primeiras xornadas municipais sobre prevención de drogodependencias, que van ter lugar os días 10 e 11 de outubro e que organiza a UMAD, entidade dependente da Concellaría de Benestar Social e Muller do Concello de Santiago.

No acto inaugural tamén estarán o subdirector de Saúde Mental e Drogodependencias da Xunta de Galicia, Víctor Pedreira Crespo; a concelleira de Benestar Social e Muller do Concello de Santiago, Mar Martín; o conselleiro técnico da Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas, Francisco Rábago; e a vicepresidenta da comisión de Benestar Social da FEMP, Mª Dolores Agudo.

O tema central das Xornadas Municipais de Dependencia (XMD) é a prevención de drogodependencias selectiva e indicada, isto é, dirixida a mozos e mozas en situación de risco psicosocial (uso e abuso de drogas, fracaso escolar, conflito na familia, etc.).

O obxectivo que se pretende acadar é o de amosar e difundir os avances que se están a producir en España, no campo da prevención do uso e abuso de drogas entre a xente nova; e tamén resaltar a importancia das actuacións e dos programas desenvolvidos coa xente nova.

Para as XMD cóntase coa participación de recoñecidos profesionais nó ambito da prevención de drogodependencias en España e prevese que participen máis de 170 persoas entre o venres e o sábado.

Estas xornadas están organizadas polo Concello de Santiago a través da Concellaría de Benestar Social e Muller, e inclúense dentro do convenio de colaboración para o ano 2008 asinado entre o Ministerio de Sanidade e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Cóntase tamén coa colaboración da Subdirección Xeral de Saúde Mental e Drogodependencias da Xunta de Galicia.

A información relativa á XMD pode consultarse na Web: www.umadxornadasmd.com.

Documentos relacionados



Compartir: