EDUCACIÓN

A oitava edición do programa "Coñecer as Cidades Patrimonio" levará a alumnos composteláns a Córdoba e Ávila

09/10/2008 Xa está en marcha a oitava edición do programa "Coñecer as Cidades Patrimonio", que neste curso 2008-2009 ten a Ávila como municipio organizador. Os rapaces de secundaria dos centros composteláns realizarán o seu traballo sobre a cidade de Córdoba.

A concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, presentou esta nova convocatoria, que permitirá o intercambio de experiencias e coñecementos entre os alumnos de Santiago e Córdoba. Segundo explicou, nesta edición, o tema dos traballos será "Patrimonio e xuventude". Trátase de desenvolver conceptos en torno ás Cidades Patrimonio como espazos de encontro entre xeracións e cun rol educativo e social. A educación da xente nova sobre o patrimonio convértese con este programa en base do desenvolvemento sostible e dun espazo integrado e educativo.

O programa ten varias fases. Na primeira, os centros inscritos realizarán os seus traballos a partir do material que se lles enviará dende o Concello de Córdoba. Os proxectos deben presentarse no Departamento de Educación antes do 13 de marzo de 2009. Ata o momento, xa se inscribiron catro grupos de traballo, pertencentes dous de les ao IES Eduardo Pondal e os outros aos IES de Sar e Rosalía de castro. A Concellería elixirá os mellores traballos dos centros composteláns e, posteriormente, un xurado composto polos concelleiros de Educación das cidades Patrimonio e técnicos destes departamentos escollerán o mellor traballo de cada unha das cidades.

Os alumnos responsables do proxecto gañador de Santiago viaxarán a Córdoba e os desta cidade achegaranse á nosa. Ademais, eles e os gañadores das demais cidades reuniranse en Ávila no mes de maio, nun encontro final no que exporán os seus respectivos traballos. Tamén participarán nun programa de actividades lúdicas, educativas e culturais.

Na edición 2007-2008, quince alumnos de 2º de ESO do IES Rosalía de Castro estiveron en Ávila durante tres días e posteriormente en Cuenca, que foi a cidade organizadora. Do outro lado, viñeron a Santiago escolares de 3º de ESO do Colexio Medalla Milagrosa de Ávila.

Neste programa participan as 13 cidades españolas que forman parte do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España: Avila, Cuenca, Ibiza, San Cristóbal de La Laguna, Córdoba, Tarragona, Toledo, Mérida, Salamanca, Alcalá de Henares, Cáceres, Segovia e Santiago de Compostela.

Documentos relacionados



Compartir: