DEPORTES

A Fundación Compostela Deporte destina 30.000 euros á formación e perfeccionamento dos deportistas composteláns

08/10/2008 A Fundación Compostela Deporte presentou as Bolsas para a Formación e Perfeccionamento dos deportistas individuais composteláns 2008. A cuarta edición desta convocatoria conta cunha dotación orzamentaria total de 30.000 euros, que serán outorgados en réxime de concorrencia competitiva.

O vicepresidente da Fundación e concelleiro de Deportes, Andrés Fariña, afirmou que estas bolsas: "manteñen o espírito co que se creou a Fundación, intentar dar formación e perfeccionamento aos deportistas de Santiago. O obxecto da entidade é, como recollen as bases das bolsas e merece ser destacado, en primeiro lugar apoiar a práctica deportiva dos deportistas de Santiago e, outra cousa moi importante, que sexan unha referencia para os máis novos. E dicir, estimular e poñer en valor o esforzo que fan eses deportistas".

Fariña engadiu que Santiago goza de "elementos importantísimos" para potenciar ese estímulo. "No me canso de falar da facilidade coa que os medios de comunicación atenden ás cuestións deportivas, e entendo que é un estímulo para calquera mozo deportista que se vexa reflectido en eles. Por iso quero agradecer aos medios de comunicación ese apoio que facedes día a día ao deporte de Santiago. É unha vantaxe, é un valor que temos", asegurou.

Pola súa parte, o secretario da Fundación, Víctor Tobío, apuntou que os deportistas interesados en optar ás bolsas poden consultar desde xa as bases e formalizar as súas solicitudes no portal de Internet da entidade www.fundacioncompostela.org. Poden comezar xa a enviar a solicitude e a documentación complementaria para optar ás mesmas, mediante unha instancia dirixida á sede da Fundación Compostela Deporte (Estadio de San Lázaro, Porta 16). O prazo de solicitude remata o vindeiro día 7 de novembro.

Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, constituirase unha Comisión de Selección integrada por membros do Comité Executivo da Fundación Compostela Deporte, un representante da Área de Deportes do Concello de Santiago, un da Área de Deportes da Universidade de Santiago de Compostela, un das federacións deportivas e outro dos medios de comunicación.

Documentos relacionados



Compartir: