TURISMO

Preto de 5.000 persoas xa se inscribiron para algunha das visitas de Vivir Compostela

08/10/2008 Ata o momento téñense solicitado máis de 1.300 visitas a maiores respecto á edición de 2007 de Vivir Compostela. En total, son xa 4.778 as persoas inscritas no programa, que este 2008 conta con 26 visitas e actividades gratuítas coas que os composteláns poderán ver a cidade tal como a ven os turistas.

Turismo de Santiago abriu o 1 de outubro o programa Vivir Compostela con seis actividades máis respecto da edición de 2007 e con ampliación de horarios nas visitas que xa se ofertaban, coa intención de responder á demanda das persoas que viven ou traballan na cidade. O obxectivo da Concellería de Turismo é que os propios composteláns se convertan nos mellores embaixadores da cidade.

As novas visitas responden a dúas liñas estratéxicas de Turismo de Santiago. Por unha banda, dentro da liña de fomento do turismo creativo, hai unha visita guiada a talleres de artistas e outra aos oficios tradicionais. Por outra banda, dentro da liña de fomento do turismo de natureza, hai unha visita ao patrimonio natural da Universidade e outra á ribeira do Sarela. As outras dúas novas visitas son ao Museo da Colexiata de Sar e ao Museo de Terra Santa.

Neste momento xa se esgotaron as prazas tanto para as visitas aos talleres de artistas como para as dos oficios tradicionais, e non quedan prazas para os domingos na visita á ribeira do Sarela, nin para o patrimonio natural da USC dos sábados. Estes datos amosan o interese que teñen na cidade as novas apostas de Turismo de Santiago polo fomento do turismo creativo e o turismo de natureza.

Todas as persoas que estean interesadas en participar en Vivir Compostela poden consultar o catálogo de visitas na web www.santiagoturismo.com ou solicitar información nos teléfonos 981 935 345 e 981 592 333. Para inscribirse hai que cubrir unha folla de inscrición dispoñible na propia web ou que se pode solicitar telefonicamente.

Compartir: