AUDITORIO

Inaugúrase a exposición "Marxes e mapas" no Auditorio de Galicia

08/10/2008 O xoves 9 de outubro, ás 20:00 horas, na sala de exposicións Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia, inaugurarase a mostra Marxes e mapas. A creación de xénero en Galicia. A exposición é unha produción propia do Auditorio de Galicia comisariada por Chus Martínez Domínguez e Xosé Manuel Lens.

A mostra é unha colectiva pensada como un conxunto de miradas ao redor dun mapa creativo que toma como referencia contextual a exposición A arte inexistente. As artistas galegas do século XX, que tivo lugar en 1995 no Auditorio de Galicia co fin de servir de lugar para o diálogo e a reflexión sobre a creación de muller producida en Galicia.

Con esta exposición preténdese definir un proceso aínda aberto no debate de xénero en Galicia, capaz de constituír un bo referente para calibrar accións e implicacións producidas dende a creación, como incremento dun proceso integrador existente nun desexo de transformar, de mudar e preguntar.

O itinerario expositivo recolle ás artistas que afirmaron as súas traxectorias hai unha década e ás integrantes das novas xeracións que están a repensar as súas marxes, ampliando os mapas no cambio de século. As vinte e seis artistas que debuxan a escena artística no presente son: Mónica Alonso, Mónica Cabo, Berta Cáccamo, Mar Caldas, Maribel Castro, Andrea Costas, Ángela de la Cruz, Victoria Diehl, Almudena Fernández, Sara Fuentes Cid, Amaya González Reyes, María Marticorena, Loreto Martínez Troncoso, Chelo Matesanz, Tatiana Medal, Holga Méndez, Antía Moure, Carme Nogueira, Pamen Pereira, Virginia Prego, Motse Rego, Enma Ríos, Rita Rodríguez, María Ruído, Sara Sapetti e Mar Vicente.

Elas delimitan e rompen, mesmo interrogan o seu espazo, descentralízanse, visualizan e experimentan, reflexionan nun espazo público, político, mentres constrúen os seus propios territorios. A multiplicidade de roles e de estratexias de transformación evidencian a pluralidade de discursos das artistas: identidade, simulacro e narración, ironía, corpo, representación e identidade, entre outros, fiando esta ampla reflexión expositiva a través dun importante número de obras de épocas e disciplinas diferentes, sempre moi significativas no itinerario creativo de cada unha das autoras seleccionadas.

O acto de inauguración contará coa presenza da concelleira de Cultura, Socorro García Conde, e dos comisarios Chus Martínez Domínguez e Xosé Manuel Lens. A mostra permanecerá aberta do 9 de outubro de 2008 ata o 1 de febreiro de 2009. Pode visitarse todos os días de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas.

Compartir: