ALCALDÍA

Santiago acollerá a sede do Consello Galego de Cámaras de Comercio

08/10/2008 Unha parcela en Cancelas, a carón da que será a nova ubicación da FEGAMP, será probablemente a sede da futura sede do Consello Galego de Cámaras de Comercio. Así o ratificaron nunha xuntanza o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo; o presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey; e o presidente do Consello Galego de Cámaras de Comercio, Francisco Cruz Senra.

O Concello cederá esta parcela municipal, tal como xa tiña falado o alcalde co presidente da Cámara de Comercio de Santiago. A decisión final quedará pendente da decisión plenaria do Consello Galego de Cámaras, se ben o seu presidente se amosou "encantado" coa cesión e coa ubicación.

Ratificada a aceptación da parcela, o Concello e as Cámaras asinarán o convenio para concretar a cesión. O obxectivo é que a nova sede poida estar lista en tres ou catro anos.

Reunión polo teleférico en París
O alcalde aproveitou a comparecencia posterior á xuntanza para recordar o encontro que manterá o xoves 9 co director do Centro Mundial do Patrimonio, Francesco Bandarin, na que falarán do teleférico entre Belvís e a Cidade da Cultura. Esta reunión é, segundo Sánchez Bugallo, un paso máis cara o informe definitivo que este organismo da UNESCO emitirá en xuño de 2009.

Na xuntanza, o rexedor municipal defenderá "a opción que cremos que é a mellor para Santiago". Cara o futuro, "á vista deste informe, reflexionaremos e, se é o caso, introduciremos os matices que haxa que introducir". Sánchez Bugallo invitará a Franceso Bandarín a visitar a cidade.

En calquera caso, reiterou o alcalde, "o de integrar a Cidade da Cultura na cidade é unha decisión tomada, non sometida nin a cuestión nin a discusión. Só temos que ver cales son os mellores mecanismos para facer esa integración". Sobre estes mecanismos, en relación ao teleférico, dixo que "hai que buscar un medio de alta capacidade cunha velocidade e un prezo razoable para esta conexión". Tamén recordou que a integración peonil se fará a través do futuro parque público de Brañas do Sar.

Compartir: