AUDITORIO

A Real Filharmonía de Galicia abre os seus ensaios ao público

07/10/2008 Como novidade da nova temporada, a Real Filharmonía de Galicia abre os seus ensaios ao público nunha iniciativa que pretende ser unha forma diferente de achegarse ao traballo cotián da orquestra.

Organizados en colaboración co Auditorio de Galicia, un total de oito ensaios xerais doutros tantos concertos de abono serán accesibles gratuitamente para colectivos cidadáns de Santiago e o público en xeral. Ademais, unha vez terminado o ensaio realizarase un encontro informal co director da orquestra.

O público poderá conversar co director artístico Antoni Ros Marbà, co director asociado Maximino Zumalave, co principal director invitado Paul Daniel e cos directores invitados Pablo González Maximiano Valdés e Juanjo Mena. As obras elixidas para estes ensaios abertos abarcan diferentes repertorios sinfónicos, dende Beethoven, Haydn, Schubert ou Mendelssohn, ata Sibelius e Ravel.

O primeiro destes ensaios abertos terá lugar este mércores 8 de outubro, ás 17:45 horas. Os que se acheguen poderán escoitar o ensaio da Sétima Sinfonía de Beethoven.

Compartir: