XUNTA DE GOBERNO

Apróbase o programa para 40 novas actuacións na ARI de Vista Alegre

07/10/2008 A Xunta de Goberno aprobou a memoria-programa para 40 novas actuacións de rehabilitación de vivendas e reurbanización na área de rehabilitación integral do polígono de Vista Alegre.

Esta memoria preséntase a efectos de poder asinar a terceira fase do convenio entre a Consellería de Vivenda, o Ministerio de Vivenda e o Concello. De acordo coa memoria prevense 40 actuacións e un orzamento de 800.000 euros (Consellería de Vivenda: 180.000; Ministerio de Vivenda: 180.000 euros; particulares: 440.000 euros). Tamén se contempla a terceira fase de reurbanización, con 180.000 euros.

O financiamento para estas actuacións situarase nos exercicios 2009, 2010 e 2011. Na actualidade estanse a executar a primeira e a segunda fase.

Por outra parte, tamén se aprobou a memoria a efectos de executar a décima fase do convenio entre a Consellería de Vivenda, o Ministerio de Vivenda e o Concello para actuacións de rehabilitación no Casco Histórico. Neste caso prevense 50 actuacións e un orzamento de 833.333 euros (Consellería: 250.000; Ministerio: 300.000 euros; particulares: 283.333 euros). Tamén figura a reurbanización da rúa da Trisca, cun investimento de 250.000 euros.

Mantemento dos pavimentos da cidade histórica
Tamén en materia de rehabilitación, o Goberno local deu o visto bo á encomenda de xestión do mantemento dos pavimentos históricos do recinto intramuros da cidade histórica ao Consorcio de Santiago.

Deste xeito, o Concello é o encargado de convocar as axudas, tramitar as solicitudes, autorizar as licenzas e, en xeral, xestionar administrativamente os programas. Pola súa parte, o Consorcio, exercerá o soporte técnico e financeiro das actuacións. Cando leve adiante intervencións en espazos públicos, recibirá unha encomenda de xestión específica do Concello para acometer a actuación.

Elementos especiais de madeira
Finalmente, aprobáronse as bases reguladoras e a convocatoria para a concesión por parte do Consorcio de subvencións á rehabilitación dos elementos especiais de madeira dos inmobles da cidade histórica. O obxectivo destas axudas é fomentar a restauración ou reposición de elementos como galerías, fiestras, portas de entrada aos edificios, etc.

Para poder acceder ás axudas, os edificios deben ter condicións suficientes de seguranza estrutural e estanquidade fronte á choiva e unha antigüidade superior a dez anos. O inmoble ten que estar destinado ao uso de vivenda, hoteleiro en categoría 2ª, comercial, oficias en clase I ou industrial.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte da publicación destas bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Compartir: