ALCALDÍA

O Ministerio de Asuntos Exteriores ubicará en Santiago a terceira delegación de Casa Asia en España

04/10/2008 O titular da carteira de Asuntos Exteriores e Cooperación, Miguel Ángel Moratinos, anunciou no marco da celebración en Compostela do XI Foro hipano-xaponés, que Santiago contará cunha delegación de Casa Asia. Será a terceira de España, tralas entidades que se abriron en Madrid e Barcelona. A de Compostela trátase, polo tanto, da primeira que se ubica en Galicia.

Moratinos fixo estas declaracións no Pazo de Raxoi, onde os participantes do XI Foro España-Xapón asistiron a unha recepción ofrecida conxuntamente polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o embaixador de Xapón en España, Motohide Yoshikawa. Tanto o embaixador coma o ministro firmaron durante o acto no Libro de Ouro do Concello.

O rexedor compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, mostrouse moi satisfeito coa decisión e agradeceu ao ministro a aposta que o gabinete de Asuntos Exteriores fai por Santiago con esta elección, xa que, como sinalou o alcalde, entre ambas culturas e ambas terras hai moitos puntos en común.

Casa Asia naceu co obxectivo prioritario de promovocer e realizar proxectos e actividades que contribúan a un mellor coñecemento e ao impulso das relacións entre España e os países de Asia e o Pacífico, especialmente, no ámbito institucional, económico, académico e cultural.

Foro España Xapón
Este anuncio enmárcase na celebración enSantiago do XI Foro España Xapón. No mesmo, representantes dos dous países debateron sobre aspectos coma os intercambios acádémicos, a innovación científica, a arquitectura e o deseño ou as relacións comerciais.

A sesión de clausura, celebrada no Hostal dos Reis Católicos, contou coa intervención, entre outros, do alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, do ministro de Asuntos Exteriores, Miguel Ángel Moratinos; e do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. Despois, os participantes dirixíronse a Raxoi, onde foron recibidos polo alcalde e polo embaixador de Xapón en España, Motohide Yoshikawa.

Na súa intervención na sesión de clausura, Sánchez Bugallo destacou os lazos de amizade entre ambos países e expresou a satisfacción porque Santiago "forme parte de ese continuo itinerario que busca a confraternización e a posta en común de ideas, proxectos e solucións para unha mellor e más eficaz colaboración entre España y Xapón".

O alcalde referiuse finalmente ás cuestións sobre as que tratou o Foro: "A educación e a innovación científica, dúas cuestións sobre as que a nosa cinco veces centenaria Universidade ten moito que dicir e aportar. A arquitectura e o diseño, dous aspectos polos que Santiago vén sendo coñecida no mundo, grazas á conservación e rehabilitación do patrimonio herdado e do enriquecemento paulatino que estamos realizando coa implantación de arquitecturas contemporáneas de calidade no proceso de crecemento e modernización da cidade. E a realidade do Camiño de Santiago, a nosa experiencia na súa posta en valor e rehabilitación, espero que lles teña servido nestes momentos nos que a histórica ruta de peregrinación xaponesa, Kumano Kodo, está sendo revalorada".

Compartir: