EDUCACIÓN

Natalia Colombo recolle o I Premio Internacional "Compostela" para álbums ilustrados

03/10/2008 A ilustradora arxentina Natalia Colombo recolleu o I Premio Internacional "Compostela" para álbums ilustrados nun acto celebrado en Raxoi. Antes, a artista tivo un encontro con profesores e cun grupo de nenos.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, entregoulle o premio á gañadora, que se declarou moi emocionada. Para Natalia Colombo, trátase dunha gran oportunidade como ilustradora e algo que "me vai marcar para toda a vida". A autora agradeceu ao alcalde, ao departamento de Educación e á editorial Kalandraka ter feito posible que ela estivese hoxe en Santiago para recoller o premio.

Pola súa banda, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, salientou a importancia crecente que está a colleitar o mundo de ilustración e felicitou especialmente á gañadora, pero tamén aos autores das outras 300 propostas que se presentaron a esta primeira edición do premio. Por último, o rexedor tivo palabras de agradecemento para o labor realizado polo xurado e desexoulle un grande éxito ao libro premiado, "Cerca".

Con estes actos chegou á súa última etapa esta convocatoria, presentada en outubro de 2007 pola Concellaría de Educación e pola Editorial Kalandraka. Este galardón enmárcase na IX Campaña de Animación á Lectura que cada ano se organiza no Concello, na que participan máis de catro mil escolares de Santiago e comarca.

Esta primeira edición do Premio acadou unha importante repercusión a nivel internacional, non só polo número de traballos presentados –máis de 360 - senón tamén pola diversidade de países tanto europeos como americanos representados: Alemaña, Suecia, Italia, Francia, Suíza, Portugal, Dinamarca, España e Arxentina, Brasil, Ecuador, México, Colombia, Uruguay, Perú, entre outros. De entre todos estes traballos foi elixido o álbum "Cerca", da prestixiosa ilustradora arxentina Natalia Colombo.

Na xornada anterior, a ilustradora mantivera un encontro na Galería Sargadelos cos profesores e educadores participantes nas Campañas Municipais de Animación á Lectura. Xá na mañá do venres, desprazouse ata a Escola Infantil Municipal de Conxo para pasar uns momentos cós nenos do centro e cos chegados da Escola Rural de Gaioso- O Eixo en representación das escolas rurais. Natalia Colombo explicoulles a súa vida e obra, realizando unha sesión de contacontos.

Compartir: