ALCALDÍA

O Centro Nacional de Ciencias do Patrimonio Cultural podería construírse en Brañas do Sar

03/10/2008 Inicialmente previsto para un dos edificios da Cidade da Cultura, o Centro de Ciencias do Patrimonio Cultural podería situarse finalmente en Brañas do Sar. Así se lle propuxo ao Concello, segundo indicou o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, na súa rolda de prensa semanal.

Sánchez Bugallo apuntou que ao Concello non lle parece mal esta posible educación, por canto no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) os terreos contemplados están destinados a usos universitarios. Indicou tamén que para o Centro Superior de Investigacións Científicas, dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación ,esta situación resultaría "máis cómoda, pois permitiríalles construír un edificio adaptado ás súas necesidades e con máis espazo".

Esta proposta vén a desbloquear –dixo o rexedor municipal- o segundo dos centros do CSIC cos que contará Santiago. O outro é o Centro de Ciencias e Tecnoloxía da Vida (CITEV), que estará en San Lourenzo. A previsión é que o Centro de Ciencias do Patrimonio Cultural puidera comezar a levantarse en 2010.

A propósito do patrimonio, o alcalde anunciou que nesta semana manterá en París unha xuntanza co director do Centro Mundial do Patrimonio, Francesco Bandarin, na que falarán do teleférico entre Belvís e a Cidade da Cultura. Acompañarao nesta viaxe o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva.

Plan Especial para Brañas do Sar
Sobre Brañas do Sar, Sánchez Bugallo, comunicou que xa foi adxudicada a redacción do Plan Especial para esta área, que delimitará os ámbitos aos efectos das futuras expropiacións. O obxectivo é ter un avance deste documento a finais de 2008 e tramitalo en 2009. En calquera caso, lembrou, este Plan está supeditado ao que di o PXOM e o Plan Especial da Cidade Histórica.

Orzamentos e aeroporto
O alcalde tamén se referiu unha vez máis aos orzamentos do Estado e insistiu en que "todas as obras de Santiago están trasladadas aos presupostos, en xeral con carácter satisfactorio e outras non". Sobre estas últimas, reiterou que se intentarán mellorar no trámite parlamentario, especialmente no caso da dotación económica do Estado para o Consorcio de Santiago.

Sobre un dos temas deses orzamentos, a nova terminal do aeroporto de Lavacolla, Sánchez Bugallo expresou a súa confianza en que se desbloqueen as negociacións entre AENA e o Ministerio de Defensa, e por extensión co Aeroclub, para que poidan comezar canto antes as obras. Así o cre o alcalde tras as conversas mantidas por el coa ministra de Defensa, Carme Chacón.

Para o alcalde, "o principal problema segue sendo a taxación do Aeroclub e determinar se esa cantidade se inclúe no que percibirá Defensa ou se se precisa unha cantidade adicional". Desexou unha decisión "satisfactoria e xusta" para o Aeroclub, pero reiterou que "a prioridade é que comecen as obras".

Compartir: