ALCALDÍA

O alcalde preside a reunión da SEEI coas cidades que estarán presentes no pavillón español en Xangai 2010

02/10/2008 Dentro da rolda de reunións que se están desenvolvendo en cada unha das cidades que van participar na Exposición Universal de Xangai 2010, Santiago acolle o venres 3 unha xuntanza entre as cidades participantes e a Sociedade Estatal de Exposicións Internacionais (SEEI).

No encontro, que terá lugar na Casa de Europa a partir 10 da mañá, estarán presentes a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón; o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva; o coordinador do SEEI, Ignacio Álvarez; e os representantes das outras catro cidades que van participar na exposición: Barcelona, Bilbao, Zaragoza e Madrid. Contra o mediodía incorporaranse á xuntanza o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o presidente da SEEI, Javier Conde de Saro.

O obxectivo deste encontro é seguir avanzando nos proxectos expositivos, de cara a cumprir o calendario establecido por Xangai, o que suporía ter a proposta lista o 31 de decembro. As conversas centraranse sobre todo en tratar de establecer as accións nas que as cidades poden traballar conxuntamente para aforrar custes e aproveitar sinerxías; así como determinar qué tipo de asistencia pode brindarlles a SEEI durante os seis meses que dura a exposición.

Ademais as cidades discutirán un borrador da carta que se enviará ao Ministerio de Economía e Facenda, co obxecto de que as empresas que realicen investimentos nos pavillóns de cada unha das cidades poidan recibir os beneficios fiscais previstos pola lei de mecenazgo.

A proposta de Santiago inclúe, ademais do stand, a realización dun espazo público exterior que consiste nunha pequena praza de granito de grande valor simbólico que pretende ser unha evocación para a cooperación entre as cidades, e que foi moi valorada polo Comité Internacional de Selección de Xangai. O pavillón compostelán instalarase nunha vella nave industrial rehabilitada. A coincidencia da Exposición de Xangai 2010 coa celebración do Ano Santo no mesmo ano permitirá amplificar a proxección universal da capital de Galicia neste foro, que contará cunha asistencia estimada en 70 millóns de persoas.

Compartir: