MEDIO AMBIENTE

As Vías Verdes, protagonistas dun foro

02/10/2008 A concelleira do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel, Elvira Cienfuegos, presentou o Foro de Iniciativas e Experiencias en Vías Verdes, que se celebrará na cidade o 22 de outubro. O Foro, que está organizado pola propia Concellaría e polo programa Vías Verdes da Fundación dos Ferrocarrís Españois, conta coa colaboración da Deputación da Coruña, a Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, a concellaría de Promoción Económica e Turismo e os outros concellos promotores da Vía Verde de Compostela: Ordes e Oroso.

O obxectivo deste foro é compartir experiencias e coñecementos sobre Vías Verdes, coa finalidade de favorecer a implicación pública e privada no desenvolvemento destes itinerarios en Galicia e, nomeadamente, na Vía Verde de Compostela. O Foro desenvolverase no Auditorio de Galicia ao longo do 22 de outubro, dende as 9:30 ata as 19:30 horas. Iniciarase coa inauguración a cargo da concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, o director xeral de Turismo, Rubén Lois, e Carmen Aycart, directora do programa Vías Verdes da Fundación de Ferrocarrís Españois. Pecharáse cunha visita técnica polos parques urbanos de Compostela.

Durante o día o traballo desenvolverase tres sesións que versarán sobre a colaboración institucional para o desenvolvemento das Vías Verdes; o deseño, xestión e mantemento das Vías Verdes; e a creación de emprego, desenvolvemento local e dinamización nestes itinerarios. O foro está dirixido a responsables políticos e técnicos, a expertos en medio ambiente, ecoturismo e desenvolvemento rural; a empresarios interesados no desenvolvemento de vías verdes; e a colectivos cidadáns interesados: ecoloxistas, asociacións de tempo libre, clubes de sendeirismo ou de ciclismo, asociacións veciñais, culturais, etc. Está aberto a calquera persoa que entenda que é do seu interese. É de balde pero require inscrición previa, que pode facerse na web www.viasverdes.com ou na Concellaría de Medio Ambiente, por mail, por fax ou persoándose nas súas oficinas

As Vías Verdes son antigos trazados ferroviarios reconvertidos en itinerarios non motorizados para desprazamentos a pé ou en bicicleta e para a práctica dun lecer activo e saudable. Actualmente, cando se cumpren 25 anos da creación das Vías Verdes, existen no en España máis de 1.700 metros operativos destes itinerarios, agrupados en 70 rutas con diferente grao de desenvolvemento e distintos retos por diante. Neste contexto, a Federación de Ferrocarrís Españois entende obrigado implementar fórmulas de intercambio, colaboración e promoción e, dado o interese de Compostela por promover unha Vía Verde no tramo férreo actualmente en desuso, de común acordo coa Concellaría de Medio Ambiente, organízase este foro.

Compartir: