CULTURA

O cinema e a música, grandes protagonistas da programación cultural para este mes de outubro

01/10/2008 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, presentaron as liñas mestras do programa cultural previsto para este mes de outubro. O mes que vimos de comezar destaca, segundo indicou Socorro García, pola cantidade e calidade dos certames musicais. Ao peche do IX Ciclo de Lied, coa actuación do barítono inglés Thomas Allen e o pianista Roger Vignoles, hai que engadir o comezo da segunda parte do programa Sons da Diversidade co Concerto de Fuxan os Ventos e o programa de Abono da Real Filharmonía de Galicia (RFG).

Asemade, a edil ofreceu datos do elevado volume de abonos vendidos para asistir aos concertos da RFG durante esta tempada. Finalmente foron adquiridos un total de 425 abonos, o que supón un incremento substancial con respecto a 2007, cando se venderon á volta de 300, e 128 destes abonos son da modalidade colectiva, que inclúen 4 butacas por abono.

Nas artes escénicas a actividade cultural vai estar protagonizada por dous eventos con programa específico, como é o Festival Galicreques -do 6 ao 12 de outubro- e a Feira Galega das Artes Escénicas -do 13 ao 17 deste mes-. Ademais, os días 4 e 5 representarase no Teatro Principal a obra de Roberto Vidal Bolano Anxeliños, a cargo da compañía Espello Cóncavo.

Cinema e artes plásticas A tempada cinematográfica tamén comeza a coller forza con dous novos certames de entidade. O Festival Internacional Curtocircuíto, do 17 ao 24 de outubro, e o Festival Amal, especializado en cinema euroárabe, que serve, ademais, como antesala de Cineuropa, no mes de novembro.

Os centros socioculturais tampouco verán minguada a súa actividade, manténdose programas iniciados a principios de ano como os Cinemas Dixitais, que proxecta documentais galegos nos CSC compostelanos; Letras Vivas e Animación, que promove a lectura entre os máis pequenos; ou Domingos en Familia, novo programa para os Centros que trae música, maxia, teatro, etc...

Xa por último, nas artes plásticas, destaca a inauguración dunha nova mostra no Auditorio de Galicia: Marxes e mapas. Na exposición colectiva, que abre o 9 de outubro, interveñen 26 mulleres artistas e está pensada como un conxunto de miradas arredor dun mapa creativo que toma como punto de partida mediados da década dos noventa.

Compartir: