XUVENTUDE

A mocidade compostelá gozará de actividades deportivas e de formación tecnolóxica na recta final do ano

01/10/2008 O concelleiro de Xuventude e Festas, Xosé Baqueiro, presentou hoxe o programa de ocio e tempo libre para o último trimestre de 2008, Outonoxoven´08, dirixido a toda a mocidade de entre 13 e 20 anos. No acto estivo acompañado polo técnico da Sección de Xuventude e Educación, Xosé Manuel Rodríguez, e a responsable da empresa Turnauga, Cheché Comojo.

Trátase dun conxunto completo de actividades lúdicas de diferente duración e temática: actividades acuáticas e de aventura dun día, unha fin de semana ou un campamento xuvenil, ademais de obradoiros tecnolóxicos e o club de rol. O programa contou cun orzamento de 20.000 euros que serviron para subvencionar nun 70% o custo das actividades para os participantes.

Cun total de 170 prazas dispoñibles, desde o Departamento de Xuventude sosteñen que se trata dunha "oferta lúdica que dá continuidade á proposta cultural e educativa de todo o ano". Xosé Manuel Rodríguez destacou que por primeira vez os técnicos de ensino visitarán todos os centros de ensinanza da cidade para presentarlles o programa Outonoxoven´08. Os participantes poderán realizar unha gran variedade de actividades para goce dos espazos naturais da cidade e outras de aventura en zonas acondicionadas fóra do contorno de Compostela.

Todas as actividades estarán realizadas e dirixidas por empresas especializadas do sector que contan cun completo e profesional equipo de monitores, con experiencia e titulación oficial. A responsable de Turnauga, Cheché Comojo, explicou que todas estas actividades fomentan o respeto á natureza entre os adolescentes e o autosalvamento dun mesmo, "salvando o inmobilismo da xuventude e en contra do botellón" –apuntou Cheché Comojo.

Entre as actividades dun día destacan as nauticadas de actividades acuáticas ou de aventura Indoor, ruta en canoa ou circuíto de orientación con ximcana, un curso de iniciación en piragua piscina/mar ou outdoor–training. "As nauticadas non van ser aburridas nin repetitivas– explica Cheché Comojo, porque os rapaces e rapazas poderán dedicarse un día enteiro a probar diferentes modalidades acuáticas".

Para a fin de semana están programada unha acampada ao Campus Aldea da Gaia arredor dun centro de interese do mundo vikingo en Rianxo. Durante tres días (7 ao 9 de novembro), un grupo de 20 rapaces poderán practicar diferentes actividades: construción de arcos, dianas, catapultas, facer ruta en canoa, rafting e barranco.

Para os rapaces máis aventureiros, tamén haberá un campamento de catro días de duración (20-23 de decembro) no camping de Rianxo con diversas actividades de aventura en contornos naturais, como itinerarios ecolóxicos, acuáticos nocturnos de dragón, rafting, canoa, xogos ecolóxicos, entre outros obradoiros máis enfocados ao período do Nadal, como a realización de agasallos con refugallos.

En relación as actividades urbanas no centro O Ensanche, os interesados poderán apuntarse de balde a obradoiros de fotografía co móvil, de creación de blogs, de foros e cursos de fotografía dixital e retoque fotográfico e de deseño gráfico.

Xosé Baqueiro invitou a todos os medios de comunicación a participar o próximo 7 de novembro nunha excursión ao Campus da Gaia (Rianxo) onde poderán practicar rafting e probar un xogo de orientación con ximcana. A xornada rematará cunha xantar.

Programación do club de rol para outubro
O Club de Rol do Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal O Ensanche creouse para dispoñer dun espazo no que desenvolver as súas actividades e para informar a todas as persoas interesadas en formar parte da comunidade.

Neste final de ano, o club, que conta con máis de 50 participantes, continúa coas súas actividades: partidas, xogos de mesa, cartas, estratexia e a organización de actividades relacionadas: obradoiros de pintura de miniaturas, de creación de escenografía, proxección de filmes relacionados co hobby, organización de campionatos, ligas, torneos, charlas sobre os xogos… O seu horario é de 17 a 21.30 horas os venres, e de de 10.30 a 13.30 e de 17.30 a 20.30 horas os sábados.

Para este mes a programación é a seguinte:

-Sábado 4, ás 17.00 horas. Xuntanza cos socios para o comezo de actividades. Entrega dos carnets personalizados do club a todos os seus membros e proxección dun filme.
-Sábado 11, durante todo o día. Torneo Warhemmer Fantasy.
-Sábado 25, durante todo o día. Torneo Infinity.

O prazo de inscrición para calquera das actividades previstas comeza hoxe mesmo e permanecerá aberto ata tres días antes de cada actividade. No caso de que houbese máis solicitantes que prazas realizarase un sorteo público no Concello.

O concelleiro de Xuventude anunciou que o próximo 17 de outubro inaugurarase unha exposición fotográfica sobre o I Certame Músicaxoven´08 e entregaranse os premios a todos os gañadores. Ademais, Xosé Baqueiro lembrou o comezo do curso para os Locais Municipais de Ensaio, no que xa están inscritos 50 grupos.

Compartir: