ALCALDÍA

O alcalde recibe á nova directiva da asociación de veciños "Coto da Nai"

30/09/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu no Pazo de Raxoi á nova directiva da asociación veciñal "Coto da Nai", da parroquia de Aríns. Os seus membros explicáronlle as principais necesidades da parroquia en materia de limpeza, arranxo de pistas ou infraestruturas, entre outras.

En materia de servizos, os representantes de "Coto da Nai" solicitaron melloras como a limpeza viaria, un punto de recollida selectiva do lixo, a recollida de pilas ou a adaptación das rutas de recollida ás novas construcións. En canto ás infraestruturas, as súas demandas pasan polo asfaltado de varias pistas, a limpeza de cunetas ou a creación de regos.

Entre as peticións realizadas están tamén as melloras no alumeado de varías rúas e o arranxo de varias fontes e zonas públicas comúns. Finalmente, os veciños expresaron o seu desexo de recuperar a escola pública abandonada e reutilizala para o uso veciñal.

A Asociación aproveitou a xuntanza para anunciarlle tamén a Sánchez Bugallo algunhas das demandas que teñen previsto facer ao Goberno autonómico e que teñen que ver, por exemplo, coas deficiencias no servizo telefónico e de internet. Igualmente, pedirán á Xunta melloras na estrada AC-260.

A nova directiva está presidida por Juventina Mareque; o posto de secretaria ocúpao Lucía Segundo, e o de tesoureiro, José Manuel Fernández. Completan o cadro Mercedes Aldrey, Clara Sánchez e José Antonio Dopazo como vogais.

Compartir: