ALCALDÍA

Stephen Hawking: "Gardarei Santiago de Compostela como o meu recordo máis preciado"

27/09/2008 O público ateigou o Palacio de Congresos para asistir á entrega do Premio Fonseca 2008 a Stephen Hawking. O galardón recoñece a "excepcional mestría" de Hawking "na popularización de conceptos complexos da Física no extremo último da nosa comprensión do Universo, combinada coa máis alta excelencia científica". Despois desta cerimonia, o científico británico pronunciou unha conferencia titulada "Saíndo do burato negro".

Hawking, que recibiu o premio -unha reprodución escultórica de Fonseca realizada por Ramón Conde- de mans do reitor da USC, Senén Barro, afirmou sentirse "honrado" por este recoñecemento. Ademais, referiuse á toda a súa estancia en Santiago. "Divertinme moito nesta semana e gardarei Santiago de Compostela coma o meu recordo máis preciado". Tanto na súa entrada ao escenario como na súa despedida, Hawking foi longamente aplaudido e en pé polo público presente no Palacio de Congresos.

Antes da entrega do premio abrira o acto o profesor Jorge Mira, quen resaltou a importancia do Premio Fonseca, no marco dunha iniciativa como o programa ConCiencia que definiu como "a maior acción de divulgación científica de Galicia". Nesta trascendencia tamén incidiu Senén Barro, ao dirixirxe ao profesor Hawking para dicir que "hoxe nace un premio que grazas a vostede xa é mundialmente coñecido". O reitor insistiu en o feito de "poñer o seu prodixioso cerebro ao servizo do ben común. Grazas polo seu inquebrantable compromiso coa ciencia e co avance do coñecemento. Grazas polo seu enorme esforzo para tansmitir ao conxunto da sociedade os seus propios descubrimentos e os de moitos outros científicos. Grazas por darnos cada día unha maxistral lección de vida".

Antes da entrega do premio tamén interviu o alcalde e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, quen logo lle daría en man a Lucy Hawkin, a filla do centífico, o diploma acreditativo do galardón. Sánchez Bugallo explicou o proceso para lograr que Hawking recollera este premio e cualificou a semana de estancia deste en Santiago como "excepcional e entrañable". Ademais, declarouse "emocionado" polo trato con todo o equipo que acompaña ao profesor.

Despois da cerimonia de entrega do premio, Hawking pronunciou a conferencia titulada "Saíndo do burato negro", na que desglosou dunha maneira amena explicacions sobre este fenómeno. Non faltou o humor, con referencias ao concepto que inicialmente tiñan os franceses sobre os buratos negros ou sobre a necesidade de que se atope un microburato negro para que lle sexa concedido o Nobel. En calquera caso, di Hawking, "os buratos negros non son tan negros como os pintan".

Compartir: