URBANISMO

Santiago lidera en Cracovia un proxecto europeo que aborda a vivenda como factor social

26/09/2008 Unha delegación encabezada pola concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, viaxará a semana próxima a Cracovia, en Polonia, para coordinar o grupo de traballo do proxecto do URBACT, SUITE The Housing Project. A vivenda: un factor para a inclusión social e urbana e para a calidade de vida nas cidades, do que é xefe de fila.

A delegación reunirase o luns 29 en Cracovia cos responsables de Urbanismo e Fondos Europeos da cidade, e o martes 30, en Siemianowice, con todos os membros do proxecto para a aprobación final dos documentos da candidatura oficial.

Este programa está sendo apoiado deNde Compostela cun grupo multidisciplinar de traballo, liderado pola Concellería de Urbanismo e Vivenda e composto tamén por técnicos dos Servizos Sociais do Concello, do Consorcio de Santiago, do Colexio de Arquitectos, xeógrafos do IDEGA da USC e mesmo promotores de vivenda.

A proposta da rede que lidera Santiago xira en torno ás políticas de vivenda no ámbito urbano e como a través delas se favorecen a integración e a cohesión nas cidades a tódolos niveis: económico, social e urbano; e como por medio da cooperación entre distintas institucións se traballa de cara á produción adecuada e sostible de vivenda social nas cidades. Deste xeito, o Grupo de Apoio Local realizará en Santiago un estudo das necesidades reais de vivenda para, a continuación, facer unha análise das prácticas que se desenvolven nas outras cidades participantes e determinar cales encaixan mellor na realidade de Compostela para incluílas nun plan de acción local.

Hai destacar a relevancia da participación obtida polo Concello con CECODHAS (Comité Europeo de Coordinación para Vivenda Social) con sede en Bruxelas e que ademais de colaborar co proxecto como expertos para analizar a vivenda social nas distintas cidades a través do seu Observatorio, estará a cargo da organización da conferencia principal do proxecto que terá lugar a finais de 2010 en Bruxelas e na que se exporán as melloras prácticas atopadas en materia de dispoñibilidade, medio ambiente e eficiencia enerxética.

O feito de que Santiago lidere esta rede temática pertencente ao programa europeo URBACT II supón unha gran oportunidade para a cidade que por primeira vez se presenta como Xefe de Fila nun proxecto europeo, trala experiencia acumulada de participación como socio en innumerables ocasións dende a entrada de España na Unión Europea. Ademais, supón un avance tamén o feito de poder presentar a política de vivenda que está a desenvolver Santiago, xa que se comeza a valorar a nivel internacional o proxecto urbano de Santiago, alén da capitalización e valoración do patrimonio histórico. Recoñecese así o xeito de Santiago de "facer cidade".

Compartir: