MULLER

A concellaría da Muller pon en marcha un Plan de Igualdade de Oportunidades

20/09/2005 O novo plan, que terá vixencia ata o ano 2007, ten o obxectivo de impulsar o cambio que equilibre a participación das mulleres e homes en todos os ámbitos da sociedade.

O Plan de Igualdade de Oportunidades 2005-2007, presentado pola concelleira de Muller, Adelaida Negreira, establece canles para avanzar na repartición de responsabilidades familiares e domésticas, dignificar o labor da muller, conseguir unha educación non discriminatoria, fomentar o emprego, previr a violencia de xénero ou fomentar o asociacionismo, entre outras vías.

A Comisión Europea recoñeceu a igualdade de oportunidades como un "principio básico de democracia e respecto pola humanidade". O procedemento de elaboración do Plan de igualdade, segundo explicou a concelleira de Benestar Social e Muller, Adelaida Negreira, iniciouse abrindo dúas vías interrelacionadas: a de concienciación e implicación do resto das áreas municipais e a de colaboración da cidadanía.

O pasado 23 de setembro celebrouse unha xornada de traballo do Consello da Muller na que se aprobou un protocolo de actuación para todas as entidades implicadas no desenvolvemento deste plan.

Entre as actividades que se realizarán en cada unha das áreas deste plan inclúense campañas de sensibilización, de asesoramento psicolóxico, de información sobre os dereitos laborais. Ademais elaborarase unha guía de recursos relacionados co apoio no coidado de persoas dependentes.

Unha das actuacións máis destacadas é a de promoción do servizo municipal de canguros, que en anteriores anos se levou a cabo con moito éxito. Adelaida Negreira indicou que se está a estudiar a posibilidade de ampliar o horario dos canguros para mulleres que rematan a súa xornada laboral máis tarde do habitual, como aquelas que traballan na hostalería.

Obradoiros de xénero e igualdade, cursos de formación sobre a cuestión de xénero e a igualdade, e a promoción da convocatoria do Premio 25 de novembro: Educando na convivencia en igualdade, dirixido a rapaces de entre 14 e 18 anos de idade, son algunhas das actividades que se levarán a cabo na área de Educación, Formación e Emprego.

A través da área de Mocidade, tamén se farán talleres de saúde e sobre educación sexual e afectiva dirixidos a adolescentes. Na área de prevención da violencia de xénero realizaranse reunións informativas coas entidades e recursos sociais de Santiago, difundirase información na zona rural, e levarase a cabo un estudo sobre a prostitución en Santiago, de cara a planear actuacións concretas na prevención de situacións de risco social, entre outras actividades.

Compartir: