ALCALDÍA

Sánchez Bugallo ve "certa extralimitación e extemporaneidade" nalgúns contidos do informe do ICOMOS sobre o teleférico

26/09/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, expresou o seu "respecto, compatible coa plena discrepancia" co informe do Consello Internacional de Monumentos e Sitios (ICOMOS), sobre o teleférico que uniría Belvís coa Cidade da Cultura. Ademais, ve "certa extralimitación e extemporaneidade" nalgúns contidos do documento.

Sánchez Bugallo manifestou non sorprenderse co contido do informe do ICOMOS "porque coñecemos os seus integrantes, que habitualmente teñen unha visión superproteccionista". Fronte a isto, expresou que Santiago é "unha cidade viva na que fai compatible a conservación do patrimonio coas necesidades dos seus habitantes e a adaptación aos tempos".

Sobre outra parte do contido do informe, considerou extemporáneo que o ICOMOS se pronuncie sobre a Cidade da Cultura "cando este proxecto foi presentado no verán de 2009". Respecto a isto, quixo deixar claro que a da Cidade da Cultura "é unha decisión tomada", tanto no que respecta ao proxecto como á necesidade de conectala coa cidade, e así se plasma no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

En calquera caso, o alcalde recordou que o informe do ICOMOS é unicamente unha parte dun proceso que segue adiante. Así, quen terá realmente que decidir sobre a procedencia patrimonial do proxecto será o Centro Mundial do Patrimonio. Neste sentido, o alcalde reunirase co seu director, Francesco Bandarin, o 9 de outubro en París, e invitará aos integrantes desta institución a visitar Santiago e coñecer de primeira man a iniciativa.

A previsión do alcalde é que o Centro emita o seu informe final en xuño de 2009. A partir de aí, dixo, "abriremos un período de reflexión", que levará a decidir "se mantemos a proposta na súa integridade, se a cambiamos ou abandonamos a idea". Engadiu que esta decisión estará consensuada coa Xunta e co Goberno español. "Penso que ao final vai haber teleférico, o que non quere dicir que se faga coa proposta inicial", concluíu.

Compartir: