CULTURA E MEDIO AMBIENTE

Péchase o programa "Vive o verán" cunha romaría no Local Social de Marantes

25/09/2008 O sábado 27 chega ao seu fin a primeira edición do programa de actividades ao aire libre Vive o verán, que organizaron a concellaría de Cultura e Centros Socioculturais e a Concellaría de Medio Ambiente. O remate do programa celebrarase cunha gran romaría no Local Sociocultural de Marantes aberta a público de todas as idades.

Nesta festa poderase gozar con todas as actividades típicas dunha romaría, con música tradicional e comida compartida. Será un momento de encontro entre todos os usuarios dos centros socioculturais e participantes do programa Vive o verán.

Un lecer diferente e variado

Vive o verán impulsa uns contidos anovadores que procuran o respecto e a defensa do medio ambiente, o coñecemento profundo da cidade e a consolidación de redes de interconexión entre os distintos barrios de Compostela. Neste senso, as actividades están coordinadas entre Rede de Centros Socioculturais e Medio Ambiente de Santiago.

O obxectivo final do programa é educar para un lecer diferente, fomentar a relación interxeracional e unha imaxe positiva da vellez, e pór en valor espazos naturais e ao aire libre da cidade como parques e prazas. A oferta de actividades proposta por Vive o verán foi múltiple e variada. Houbo cursiños de deportes saudables como o tai chi e a ximnasia terapéutica coreografiada. Tamén se realizaron visitas culturais guiadas, roteiros urbanos e no entorno natural polos ríos e parques de Compostela. Outras actividades dirixidas aos máis pequenos foron os Xogos nos parques, a bibliopiscina ou o Xogandoando, un proxecto de tempo libre infantil que se desenvolveu no CSC San Lourenzo. A actividade cultural ao aire libre completouse coa proxección de filmes en distintos parques da cidade.

No programa tamén colaboraron a Concellaría de Rehabilitación e Cidade Histórica, a Concellaría de Promoción Económica e Turismo e a Deputación da Coruña.

Compartir: