ALCALDÍA

O Ateneo de Santiago inicia as súas actividades

25/09/2008 O renacido Ateneo de Santiago comeza neste outono a desenvolver as súas actividades. Unha representación desta institución, encabezada polo seu presidente, Salvador García-Bodaño, e polo seu secretario, Francisco Candela, visitaron Raxoi para darlle a coñecer ao alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, estas actividades.

Suspendido durante a Transición, o Ateneo de Santiago rexurdiu neste ano 2008 coa intención de promover a participación da sociedade na cultura. Todo isto baixo os principios do laicismo, da tolerancia e da convivencia das ideas. Conta xa con máis de 100 socios. Desenvolverá as súas actividades dun xeito itinerante en lugares como o Hostal dos Reis Católicos, a Aula Social de Caixa Galicia ou a Galería Sargadelos, entre outros.

Os membros do Ateneo de Santiago explicáronlle a Sánchez Bugallo as seccións nas que se dividiu. A primeira delas dedicarase á propia cidade e á identificación da cidade coa mesma. Outra área centrarase sociedade da información e unha terceira á ciencia e ao medio ambiente. Unha cuarta sección ocuparase á educación, a arte e a cultura. Finalmente, haberá un espazo para a sociedade civil, os dereitos humanos e a igualdade.

Compartir: