ALCALDÍA

Profesores e alumnos de ciencias dos institutos composteláns comparten mesa e mantel con Stephen Hawking

24/09/2008 Dentro do programa da súa visita a Santiago de Compostela, Stephen Hawking tivo ocasión de compartir uns momentos con profesores de ciencias e alumnos de bacharelato. Foi nun entrañable xantar ofrecido polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo ao científico e aos seus acompañantes no hotel Porta do Camiño. Durante o acto, a filla do científico británico asinou, en nome do seu pai, no Libro de Ouro da cidade.

Ao remate da comida, Lucy Hawking asinou, en nome do seu pai, no Libro de Ouro da cidade, no que deixou plasmado o agradecemento ao alcalde pola "excelente benvida", ademais de mostrar a súa satisfación por chegar a Santiago coma un peregrino mais "en busca do significado da vida". Así mesmo, fíxoselle entrega dunha reprodución do botafumeiro.

Lucy Hawking tivo palabras de agradecemento para os profesores alí presentes e tamén para os alumnos, aos que definiu como "grandes promesas da ciencia". Por último, a filla do científico salientou, en perfecto castelán, que ían recordar con moito agarimo a súa estancia en Santiago.

Xosé Sánchez Bugallo, quixo á súa vez, destacar que a do científico trátase dunha visita especialmente emocionante, que "deixará profunda pegada". "A el a ao seu equipo sentímolos como parte da cidade"-dixo-"o recordo desta visita permanecerá durante moitos anos".

Xa pola tarde estaba previsto outro encontro académico, pero nesta ocasión con investigadores, profesores e alumnos da Universidade de Santiago. O lugar elixido, a Facultade de Física.

Antes deste xantar, o científico británico ofreceu una rolda de prensa, na que respondeu ás numerosas preguntas que no seu día lle remitiran os xornalistas. Na rolda tamén interviron o profesor Jorge Mira; a asistente persoal de Hawking, Judith Croasdell;a súa filla, Lucy Hawking; o seu asistente técnico, Sam Blackburn; e o físico José Edelstein.

Ata 23 preguntas respondidas
Hawking contestou ata 23 preguntas, 11 delas directamente a través do seu sintetizador de voz, toda unha marca segundo destacaron os seus acompañantes, pois as limitacións técnicas á hora de construír frases obrígano a un importante esforzo de tempo.

O científico falou de diversos temas, dende as súas teorías ao cambio climático, respecto do que declarou que "estamos ao borde dunha segunda era nuclear e dun período de cambio climático sen precedentes", para engadir que "os científicos teñen unha responsabilidade especial de informar ao público e aconsellar aos líderes mundiais sobre os perigos que afronta a humanidade". Sobre estes perigos, non é moi optimista. "Será xa moi difícil evitar un desastre no planeta Terra nos próximos cen anos", afirmou, polo que cre que "o futuro a longo prazo da raza humana será no espazo".

Tamén tivo palabras sobre a súa enfermidade. "Non teño case nada positivo que dicir sobre a enfermidade neuronal motora, pero si que me ensinou a non compadecerme, porque outros estaban peor, e a seguir co que aínda podía facer", apuntou. Hawking rematou a súa intervención declarando ter "disfrutado da experiencia" de peregrinar a Santiago e de chegar ao "punto cero" da praza do Obradoiro: "O punto cero é a consistencia e a determinación de seguir en contra das probabilidades".

Satisfacción pola visita a Santiago
Ás palabras de Hawking engadiu a súa filla Lucy a satisfacción do científico e dos seus acompañantes pola visita a Santiago. En particular, dixo que, despois de moitos anos de viaxes, os seus coidadores declararan que a xornada do luns 22 -na que descubriu unha placa, percorreu o último tramo do camiño e visitou a Catedral- fora a "máis espectacular" de cantas viviran ata o momento. Expresou tamén a "emoción e sorpresa" que sentiran co voo do botafumeiro e coa entrega do pergameo de visitante ilustre.

O programa da visita de Stephen Hawking continúa o xoves 25 cunha visita ao Cabo Fisterra. O venres 26 presentará en España o seu último libro, A clave secreta do universo. Unha marabillosa aventura polo Cosmos e Brevísima historia do tempo no Instituto Rosalía de Castro. Xa o sábado, recibirá no Palacio de Congresos o Premio Fonseca e pronunciará unha conferencia titulada "Saíndo dun burato negro".

Compartir: