COMERCIO

Os comercios teñen de prazo ata o 3 de outubro para inscribrise na a edición de outono do Concurso de Escaparatismo

23/09/2008 O 3 de outubro remata o prazo de inscrición na edición de outono do V Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping 2008, organizado pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo.

O obxectivo do certame, dirixido a todos os comercios da cidade, é contribuir á dinamización e mellora dos estabelecementos en activo, incentivando a súa capacidade creativa e a súa imaxe. Os premios para os gañadores consisten en investimentos en promocións publicitarias a nivel local por valor de 3.450 euros para o primeiro clasificado, de 2.000 euros para o segundo, e de 1.500 euros para o terceiro.

Os comercios interesados poden apuntarse de balde. Só teñen que cubrir o Boletín de inscrición que atoparán ao final das bases do concurso, na páxina web da Concellaría, www.maiscompostela.org, e envialo por fax ao número 981 554 296. Tamén se pode realizar a inscrición enviando un correo electrónico a escaparatismo@santiagodecompostela.gal, no que consten os seguintes datos: nome do estabelecemento, sector ao que pertence, nome e apelidos do propietario, enderezo, teléfono, fax e correo electrónico (se o teñen).

O xurado, no que se integran asociacións de comerciantes, consumidores e expertos na materia, valora especialmente a orixinalidade, ambientación e eficacia da mensaxe publicitaria atendendo ás condicións dos establecementos. No certame prima tanto o escaparate como o interior do comercio.

Todos os comercios que se inscriban no Concurso de Escaparatismo poden acollerse ao Programa de acceso á publicidade destinada ao sector comercial/empresarial de Compostela. A través desta iniciativa os comercios e empresas que participan ou colaboran en programas organizados pola Concellaría de Promoción Económica poden obter descontos en publicidade nos principais medios e empresas de comunicacion que operan a nivel local.

Compartir: