XUNTA DE GOBERNO

O martes de Antroido volverá a ser festa local pola coincidencia do San Roque en domingo

23/09/2008 A Xunta de Goberno Local aprobou as datas das festas locais para 2009. Serán o 24 de febreiro, día do martes de Antroido, e o xoves 21 de maio, festividade da Ascensión.

O martes de Antroido volve así a ser festivo, ao coincidir a tradicional festa local do San Roque a domingo. No 2008, esta celebración coincidira en sábado.

Deportes
En materia de Deportes, o Goberno local aprobou o proxecto de contratación das obras de renovación da cuberta do Pavillón Polideportivo Vite I. O custo da actuación é de 93.858 euros.

Tamén neste ámbito, deuse o visto bo ao novo convenio coa empresa XADE para o desenvolvemento de actividades deportivas, por importe de 42.000 euros/ano e un período de dous anos. En virtude deste convenio, seguirase a empregar o parque deportivo de Fontes do Sar (xestionado por XADE) para as actividades deportivas de competición e outras que se determinen pola Concellería de Deportes.

Finalmente, aprobouse un gasto de 20.000 euros para o mantemento de instalacións deportivas. Trátase de facer fronte a diversos arranxos a través de empresas ou de persoal municipal, e de comprar materiais para o mantemento xeral das instalacións e para as boticas de primeiros auxilios.

Servizos
Outro dos acordos foi a adxudicación definitiva do contrato de subministro e instalación de equipamento para a modernización de alumeado público en Cesar, Barciela e varios lugares da parroquia de Laraño. O importe desta actuación ascende 60.200 euros.

Medio Ambiente
No que respecta á Concellería de Medio Ambiente, deuse conta dunha subvención do Ministerio de Facenda por importe de 83.195 euros para levar a cabo os proxectos de acondicionamento das zona de Pozo da Neve (Meixonfrío) e de Moas de Arriba (Figueiras). Esta cantidade supón o 70% do gasto elixible de cada un dos proxectos.

Urbanismo
En materia de urbanismo, aprobouse inicialmente o Estudio de detalle do quinteiro 6 do solo urbanizable do SUP-1 de Romero Donallo. Este documento define máis polo miúdo as posibilidades do acceso e distribución do garaxe da futura edificación. En concreto, o estudo soluciona o problema da liña de edificación baixo rasante coa ocupación dunha pequena porción de solo.

Tamén se ratificou inicialmente o Estudio de detalle dos bloques de vivenda colectiva do Plan parcial do SUNP-4 do Camiño Francés. Cómpre lembrar que este documento tiña o obxectivo de axustar as rasantes do vieiro secundario que serve de transición entre as novas edificacións e as traseiras do solo urbano da rúa das Cancelas, e regular a implantación dos volumes edificables.

Emprego
Finalmente, deuse conta dunha subvención concedida pola Consellería de Traballo por importe de 200.473 euros para a contratación de 14 traballadores desempregados, no marco do programa Coopera. Estes traballadores desempeñarán o seu labor nas concellerías de Benestar Social e de Mobilidade.

Documentos relacionados



Compartir: