ALCALDÍA

Compostela recoñece a Stephen Hawking o seu labor para expandir as fronteiras do coñecemento humano

22/09/2008 Stephen Hawking xa conta cunha placa conmemorativa da súa visita a Santiago no parque de San Lázaro. Nun breve acto foi descuberta esta placa, reflexo da admiración de todos a este científico exemplar, tanto dende o punto de vista humano como profesional.

Despois deste acto, Stephen Hawking fixo o tramo final do Camiño de Santiago. Xa na praza do Obradoiro foi recibido polo alcalde, quen lle entregou o pergameo co recoñecemento de Visitante Ilustre. A continuación, o científico visitou a Catedral, onde fixo unha breve ofrenda. Nas súas palabras, achegouse ao Apóstolo Santiago "coma un peregrino do universo cos mesmos soños e aspiracións que cada un dos peregrinos que chegaron ata aquí".

"Aquí en Compostela, punto final deste Camiño, no que se unen inquedanzas espirituais e intelectuais, no que se engrandecen as relacións humanas, pídoche que se abra o noso corazón á esperanza, á xustiza e ao amor".

Pola súa parte, o alcalde compostelán expresou a súa "gran satisfacción" pola visita de Stephen Hawking, unha persoa que, dixo "xera sentimentos especiais, de emoción e de admiración". Así, reiterou, "xera emoción como o gran científico que é, e máis se cabe como persoa, pola súa actitude ante a vida. É un exemplo de superación, de como facer fronte ás dificultades". Finalmente, deulle a benvida á cidade e convidou no a sentila como súa.

O propio Stephen Hawking deulle as grazas ao alcalde e expresou que, para el, "é un gran honor e estou moi contento de estar en Santiago". Estas palabras foron refrendadas pola súa filla, Lucy, quen agradeceu a "benvida tan calorosa" e manifestou "o recoñecemento á USC" e "á amabilidade do alcalde".

Compartir: