CULTURA

A Internacional representa "Frida" no Teatro Principal

22/09/2008 Unha nova representación en torno á célebre pintora mexicana Frida Kahlo chega ao Teatro Principal da man da compañía A Internacional os días 23, 24 e 25 de setembro. Frida ofrece unha revisión escénica dos últimos momentos da artista, que tenta abrir unha reflexión xeral sobre a represión da muller na sociedade.

A obra relata a historia dunha muller pioneira, loitadora, comprometida coa sociedade da súa época. Unha pintora cunha sensibilidade inquedante que utilizou a creación artística como un medio para transformar o sufrimento e a dor que padeceu en beleza. Así o indicou a actriz que a representa, Manuela Varela, quen dixo ter traballado este personaxe "dende a sinceridade e o sentimento".

Segundo sinalou Jorge Rey, director de Frida, o contexto histórico cobra tamén grande importancia no relato, pois trátase dunha época de marcado cariz revolucionario no que a pintora gardaba relación íntima con artistas de fondo compromiso -Diego Rivera-, ou o político comunista León Trotsky.

Un relato traxicómico
Mais as terribles vicisitudes vitais de Kahlo son narradas por Jorge Rey mediante un relato vivo e traxicómico que permite que situarse ao espectador a un tempo da felicidade e da dor que acompañaron o devir vital da protagonista. En palabras de Diego Padilla, Diego Rivera na obra, trátase dun "gran corrido mexicano", no que circunstancias tan serias como a propia morte son relatadas con certa ledicia para quitarlles algo de ferro.

Frida[/em[ será representada no Teatro Principal do 23 ao 25 de setembro a partir das 21:00 horas. Na presentación desta estrea participaron o director-xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez; o director da obra, Jorge Rey, e os actores protagonistas, Manuela Varela e Alfredo Padilla.

Compartir: