PROMOCIÓN ECONÓMICA

A concellería de Promoción Económica presenta tres empresas que empregarán a trece persoas

20/09/2005 O concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias, presentou tres novas empresas de carácter social que nacen a partir do Proxecto Persoa: Serpreco, Seco e Xandobela

A creación destas tres novas empresas enmárcase na política laboral que se está a desenvolver desde a concellería de Promoción Económica, segundo explicou Xosé Manuel Iglesias, co fin de potenciar a creación de empresas de carácter social con viabilidade económica. O obxectivo final é diminuír a taxa de desemprego de Santiago e a súa comarca.

Serpreco e Serco, adicaranse a prestar apoio psicosocial a coidadores de persoas dependentes. Preséntase como unha iniciativa con futuro debido a que cada vez é maior o número de persoas que dependen de outras para desenvolver a súa vida cotiá. Estas dúas entidades contan con persoal especializado como psicólogos, pedagogos e traballadores sociais que se encargarán de proporcionar información sobre os recursos dos que dispoñen os coidadores, así como formación e apoio psicolóxico.

Serpreco foi creada para prestar un servizo de prevención, dinamización comunitaria e autoaxuda no ámbito da dependencia, dará traballo a catro persoas, tres mulleres e un home. Dúas de estas catro persoas teñen máis de corenta e cinco anos. Pola súa banda, Serco prestará un servizo de descarga de coidadores de persoas dependentes. Dará traballo a tres mulleres maiores de corenta e cinco anos.

Por último, Xandobela, empresa de xestión e dinamización sociocultural, dará traballo a tres homes e tres mulleres. Ten como obxectivo ampliar e diversificar a oferta lúdica para o colectivo infantil de Compostela. Xandobela poñerá en marcha unha ludoteca itinerante para que os rapaces poidan participar en xogos tradicionais e de cooperación.

Estas tres novas empresas resultaron gañadoras dun concurso do departamento de Servizos Sociais.

O Proxecto Persoa
O Proxecto Persoa ten como finalidade a inserción laboral de mulleres, emigrantes retornados, mozos e maiores de corenta e cinco anos, mediante a súa participación nun proceso integral de acompañamento e inserción en ocupacións encadradas en novos xacementos de emprego.

Neste proxecto participaron oitenta persoas que reciben orientación laboral, formación laboral persoalizada e aompañamento ao longo de todo o proceso de inserción laboral.

Compartir: