TURISMO

A Film Commission compostelá asiste ao Festival de Cine de San Sebastián

19/09/2008 A Santiago de Compostela Film Commission estará presente na Kursaal de San Sebastián para atender, durante o maior festival de cine español, aos directores e produtores que manifestaron o seu interese por rodar os seus guións na capital galega ou que están en busca de localizacións para futuras producións.

Dende o stand de Galicia, a SCFC repartirá o seu material promocional, que recolle os principais escenarios monumentais e naturais de Santiago, así como un listado de empresas que prestan servizos audiovisuais na cidade.

Por Santiago tamén asistirán a San Sebastián representantes do Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuíto, para informar sobre a quinta edición deste evento cuxa Semana Oficial se desenvolverá en Santiago de Compostela do 17 ao 24 de outubro.

Dende a concellaría de Promoción Económica e Turismo, da que dependen a Santiago de Compostela Film Commission e o Festival Curtocircuíto, Xosé Manuel Iglesias valorou a cita como "o lugar axeitado para que aos profesionais do cine alí reunidos dediquen unha ollada ás magníficas localizacións compostelás e aos recursos da industria cinematográfica da cidade, así como ao seu festival de curtametraxes".

Ademais de traballar os contactos cos profesionais do cine, a SCFC asistirá en Donosti ao encontro da xunta directiva da Spain Film Commission, así como ao acto de entrega do premio Film Commission Ciudad de San Sebastián, que recaeu na película galega Pradolongo, de Ignacio Vilar.

Compartir: