PROMOCIÓN ECONÓMICA

Un grupo de apoio local traballará para fortalecer a participación das mulleres na vida social e económica

19/09/2008 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou o Grupo de Apoio Local do Proxecto Europeo WEED (Women, Enterprise, Employment in Local Development - Muller, Empresa e Emprego no Desenvolvemento Local). Este grupo ten como obxectivo, a través do intercambio de ideas e experiencias, definir unha metodoloxía que permita a transferencia de boas prácticas coa finalidade de fortalecer a participación activa das mulleres na vida social e económica.

Esta iniciativa promove unha presenza máis equilibrada de homes e mulleres no ámbito do emprendemento e o desenvolvemento local. O Grupo de Apoio Local do proxecto europeo WEED constituíuse no Auditorio de Galicia e está previsto que celebre a súa primeira reunión no prazo aproximado dun mes.

O Proxecto WEED enmárcase no programa europeo URBACT II, que ten como finalidade fomentar o intercambio de experiencias entre cidades europeas e a difusión de coñecementos sobre todas as cuestións relacionadas co desenvolvemento sostible do medio urbano. A igualdade de xénero é un tema clave na estratexia da Unión Europea para fomentar ese desenvolvemento sostible.

Este obxectivo vese dificultado polos atrancos que atopan as mulleres no mercado de traballo e no eido da creación de empresas. A presenza da muller na universidade (o 50% dos estudantes da Unión Europea son mulleres) e o aumento do número de licenciadas, incluso en especialidades de ciencias e de tecnoloxía, non se ve traducido na representación que acadan en postos de traballo acordes coa súa formación. Esta baixa representación da muller na investigación, e en postos empresariais e académicos é unha perda para as economías locais.

Por iso o proxecto WEED pretende establecer unha Rede Temática de Cidades Europeas que tratarán o tema Muller, Empresa e Emprego no Desenvolvemento Local. Ademais de Compostela, actualmente forman parte desta rede as cidades de Alzira, en Valencia, Celje en Eslovenia, Enna e Crotone en Italia, Karvina na República Checa, Amiens en Francia, Umea en Suecia, e Skaarbeck en Bélxica.

O principal obxectivo do proxecto é facer uso das extratexias e boas prácticas dos socios do URBACT, para sacar conclusións das súas experiencias e axudar aos implicados na política cidadá, usuarios e responsables de programas a implementar accións e ideas que de xeito activo traten e mellorar o rendemento político, técnico e de xestión das cidades en relación coa situación das mulleres nos mercados de traballo, coa súa relación coa economía cognitiva e coa actividade emprendedora.

Traballo en Santiago
Santiago xa ven traballando neste eido. A Concellaría de Promoción Económica ten moi presente a transversalidade de xénero na planificación do desenvolvemento local. Conta cun servizo específico de apoio a emprendedoras, que ten como obxectivo detectar, orientar e axudar a madurar oportunidades empresariais. Ademais, a través do programa Compostela Activa, ofrece formación destinada a persoas emprendedoras, establece unha liña de incentivos para empresas de nova creación, e organiza un Concurso de novas ideas empresarias, con tres modalidades de premios, unha delas destinada especificamente a mulleres.

En canto aos programas de formación e inserción laboral están dirixidos a colectivos de difícil inserción, entre os que se atopan as mulleres, xa que representan o 59,24% das persoas desempregadas do municipio de Santiago, segundo os datos da Xunta de Galicia correspondentes ao mes de agosto.

Compartir: