CULTURA

As culturas do mundo conflúen a través do movemento na sexta edición do Move’m Cult & Danza

19/09/2008 O Festival dos Ritmos do Mundo Move’m Cult & Danza chega á súa sexta edición. Do 26 de setembro ao 3 de outubro desenvolverase en Santiago esta iniciativa, que dende 2003 intenta abrir un espazo no que as diferentes culturas se divulguen a través do movemento, da arte ou de calquera forma de expresión próxima a todos.

O programa inclúe un ano máis diversas actuacións e obradoiros, nun formato que se repite á vista do éxito de edicións anteriores. Trátase, en definitiva, de "achegar distintas culturas a través da arte", en palabras de Martha Franco, da Asociación Cultural Gaira, organizadora do evento. Neste aspecto tamén incidiu a concelleira de Cultura, Socorro García Conde, ao destacar un programa "con espectáculos para ver e participar".

Entre os obradoiros, haberaos de distintas especialidades de danza: india, oriental de mans e brazos, cíngara, do ventre tribal, contemporánea-oriental, flamenco, creativa e corporal, afro-colombiana. A estes talleres hai que engadir outros de Kundalini ioga, percusión árabe, ritmos latinos, danzas do mundo e percusión africana. Algúns destes obradoiros son gratuítos e outros son de pago, con prezos entre os 20 e os 25 euros. Para estes últimos, existen bonos de 100 euros (5 obradoiros) e 90 euros (4 obradoiros).

Todos os cursos estarán impartidos por especialistas en cada unha das disciplinas de distintas nacionalidades. Impartiranse nos centros socioculturais de Vite e Fontiñas e no Centro Gaira.

En canto ás actuacións, comezarán o luns 29 de setembro, cando o grupo galego Snatch ofrecerá unha actuación no Teatro Principal a partir das 21:00 horas. Ao día seguinte, á mesma hora, no Centro Sociocultural de Fontiñas, concerto de violín do ucraniano Oles Savchuck. Xa o mécores 1 de outubro, estrearase no Teatro Principal o espectáculo de danza Silha, con música en vivo.

A estas propostas hai que engadir unha actividade de caligrafía árabe, o xoves 2 de outubro, ás 18:00 horas, no Centro Sociocultural José Saramago (Vite) e unha mostra gastronómica do Brasil, o venres 3 de outubro. Esta actividade, a desenvolver en Fontiñas, estará acompañada dun obradoiro de danzas brasileiras.

Compartir: