ALCALDÍA

O Concello optará por unha EDAR con tecnoloxía de membranas pola súa maior calidade e menor impacto físico

19/09/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, indicou que o Concello optará pola tecnoloxía de membranas para a futura estación depuradora de augas residuais (EDAR) e pola ubicación prevista. Este tipo de depuradora suporá un incremento no custo de 20 millóns de euros, pero outorgará un mellor produto e terá un menor impacto físico.

Sánchez Bugallo expresou a súa comprensión cara as reivindicacións dos veciños de Laraño."Faremos todo o posible para reducir a magnitude do problema, pero non podemos tomar unha decisión que prexudique a milleiros de persoas", indicou en referencia ao retraso que implicaría un cambio de ubicación. "Hoxe, despois de anos de espera, estamos na grella de saída e non secundaremos unha decisión que implique unha volta atrás", insistiu. De feito, o alcalde anunciou que a previsión é que en marzo de 2009 se saque a concurso a construción da EDAR.

O rexedor municipal afirmou ter o compromiso do Ministerio de Medio Ambiente e da Confederación Hidrográfica do Norte de levar adiante a opción tecnolóxica que escolla Santiago, malia o seu maior custo. Esta será, por dúas razóns, a da tecnoloxía de membranas. A primeira, dixo, é que "asegura unha maior calidade do produto, cun caudal de depuración dez vez superior, algo importante nun río de pouco caudal como o Sar". A segunda, engadiu, é que "ocupa menor espazo físico, pois non necesita de grandes bolsas de decantación ao aire libre", tal como ocorre nas de fangos activados.

Insistiu en que esta decisión tómase de acordo ao "interese xeral da cidade" e tamén dos propios veciños de Laraño afectados, pois resaltou que, salvo nunha das casas, as instalacións da EDAR de membranas quedarían máis lonxe das vivendas que a actual depuradora.

Bombeiros
Na súa habitual rolda de prensa semanal, o alcalde tamén se referiu ás reivindicacións dos Bombeiros e indicou que "é un paso positivo que por primeira vez haxa unha proposta escrita" coas mesmas. Así, apuntou que xa deu traslado deste documento escrito ao presidente da Deputación e ao conselleiro de Presidencia.

Sánchez Bugallo subliñou que deben ser estas institucións as que decidan con urxencia sobre "o modelo de parque de bombeiros que queren" para "garantir a prestación de servizos". Neste sentido, o papel do Concello será o de "colaborar e amosar a nosa dispoñibilidade a participar nos acordos se é que os hai".

O alcalde recordou que "hoxe o que temos é un Parque Municipal de Bombeiros e estase a executar a sentencia que anulaba o convenio do Parque Comarcal". Afirmou estar satisfeito con este Parque Municipal, pero tamén se amosou aberto á posibilidade dun Parque Comarcal a partir do de Santiago se así o decidiran Xunta e Deputación. No caso de optar por un parque diferenciado, o Concello mesmo estaría disposto a ofrecer terreos no termo municipal para o mesmo.

Financiamento municipal
Outro dos temas tratados por Sánchez Bugallo foi o do financiamento municipal, tratado na súa recente viaxe a Madrid. Segundo explicou, o compromiso do Goberno é que a achega fixa do Estado se incremente entre un 0,6% (concellos de máis de 75.000 habitantes) e un 1,6% (para os de menos de 75.000). No segundo concepto, o da achega polas liquidacións de tributos recadados en 2007, o incremento situarase entre o 7,2% para os concellos grandes e o 6,3% para os pequenos. Deste xeito, o incremento da achega do Estado aos concellos en 2009 situaríase no 1%.

Non obstante, os representantes municipais solicitaron ao Goberno español que se cree un fondo de compensación que palíe a menor achega que recibirán os concellos pequenos polos dous devanditos conceptos. Ademais, apuntou que queda pendente de negociar a achega pola recadación de 2009, pois os concellos queren que esa negociación se negocie conxuntamente coas Comunidades Autónomas.

Licenzas urbanísticas
Finalmente, Sánchez Bugallo aludiu ás licenzas de obra para máis de 3.000 vivendas que se teñen solicitado no Concello no que vai de ano, o cal cualificou como "situación extraordinaria e atípica". Ao seu xuízo, este nivel de solicitudes débese á entrada en vigor do Decreto do Hábitat e, sobre todo, á entrada en vigor de parte do novo PXOM en decembro de 2007. Non obstante, anticipou que "é difícil pensar en que sito se poida repetir en 2009.

Compartir: