ALCALDÍA

Sánchez Bugallo foi elixido en Ávila vicepresidente do grupo de Cidades Patrimonio

17/09/2008 Durante a asemblea xeral do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, celebrada en Ávila, o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, foi elixido vicepresidente. Deste xeito, a Comisión Executiva continúa estando presidida pola alcaldesa de Ibiza, Lourdes Costa, e conta ademais con catro vicepresidencias que se renovaron na xuntanza: Santiago, Salamanca, La Laguna e Cuenca.

Contra o mediodía, o rexedor compostelán participou no acto de conmemoración do décimo quinto aniversario da constitución do GCPHE. A infanta Cristina de Borbón presidiu o acto, no que se inaugurou a rehabilitación do Palacio dos Verdugo, que será a sede da secretaría xeral que agrupa as 13 cidades que forman parte deste grupo: Alcalá de Henares, Ávila, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de La Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona y Toledo.

A Infanta está ligada a este grupo dende que participara no acto celebrado o 17 de setembro de 1983, cando se constituíu coas seis cidades fundadoras, entre as que se atopaba Santiago de Compostela. No seu discurso, S.A.R. felicitou aos distintos alcaldes que durante estes 15 anos traballaron pola protección, conservación e mellora do patrimonio; amosou o seu apoio ao Grupo e animou aos representantes de cada municipio a perseverar no seu empeño de protexer aquilo que constituirá o legado para xeracións futuras.

Ademais da Infanta Cristina e dos representantes municipais das 13 cidades, participaron no acto o presidente da Xunta de Castela e León, Juan Vicente Herrera; e o director do Centro de Patrimonio Mundial da UNESCO, Francesco Bandarin. Os 300 invitados puideron disfrutar en primicia da interpretación por parte da Orquestra Sinfónica e do Coro Cidade de Ibiza da música composta para o Grupo por Miguel San Miguel á entrada da comitiva.

Tras a proxección dun vídeo institucional, o Centro de Patrimonio Mundial recibiu o Premio Patrimonio, creado polo Grupo este ano, polo seu decidido labor en favor do Patrimonio Mundial. O seu director, Francesco Bandarin, expresou o seu agradecemento polo apoio e recoñecemento que supón ao labor desenvolvido polo Centro e recoñeceu o importante labor que o Grupo realiza nas súas cidades.

Durante a mañá tamén se efectuou unha visita a unha exposición de imaxes das cidades que integran a entidade e que se exhibirá proximamente en Compostela.

Compartir: